parlamento europeo

BNG denuncia na Comisión Europea a precariedade laboral no Servizo de Axuda no Fogar

Ana Miranda Avia Veira SAF Galiza
Ana Miranda Avia Veira SAF Galiza
Ana Miranda: “Queremos que a CE tome medidas ante o incumprimento sistemático das resolucións aprobadas na Eurocámara contra a precariedade”

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, xunto a concelleira do Bloque na Coruña, Avia Veira, e a representante da Plataforma SAF GALIZA, Trinidad Palacios, presentou a denuncia que se vai trasladar á Comisión de Peticións da Eurocámara sobre a precariedade laboral do servizo de atención domiciliaria de persoas en situación de dependencia. “Demandamos que a Comisión Europea abra unha investigación que impulse a protección da saúde e a hixiene das traballadoras, nunha profesión tan invisibilizada, a calidade na prestación dos servizos e a fin da precariedade”, subliñou Ana Miranda.

Segundo destacou a portavoz do BNG en Europa, “existe un claro e sistemático incumprimento da normativa europea, agravado durante a pandemia”, sobre todo a respecto do Pilar Europeo de Dereitos Sociais, no seu capítulo “Condicións de traballo xustas”; a Resolución do Parlamento Europeo, de 4 de xullo de 2017, sobre as condicións laborais e o emprego precario; a Resolución do PE, de 31 de maio de 2018, sobre a resposta ás peticións sobre a loita contra a precariedade e o uso abusivo dos contratos de traballo de duración determinada; e a Resolución do PE, de 10 de febreiro de 2021, sobre la redución das desigualdades, con especial atención á pobreza dos traballadores.

“Estas Resolucións alertan do aumento da pobreza entre as persoas traballadoras e instan a poñer fin a situación denunciadas en diversas ocasións polas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar”, explicou Ana Miranda na súa comparecencia, na que tamén participou a concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira. Neste sentido, Veira destacou que a atención a domicilio “é un servizo social imprescindible, pero moitas veces invisible tanto para o goberno galego como estatal, ao tratarse dun servicio altamente feminizado, xa que o 97% das traballadoras son mulleres”, e agradeceu o traballo desenvolvido por Ana Miranda en Europa.

Falta de medidas de protección

Na actual situación de pandemia a situación no SAF agravouse, xa que aínda que os gobernos español e galego o declararon servizo esencial, foi considerado de baixo risco na primeira vaga. “Isto tivo unha gravísima consecuencia para a saúde de usuarios e traballadoras que nos atopamos na primeira liña de coidados directos, debido á enorme exposición ao contaxio por Covid19”, apuntou Trinidad Palacios, quen ao respecto criticou a falta de medidas de protección suficientes para evitar os contaxios e a propagación do coronavirus.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG