BNG denuncia censura ideolóxica do Goberno de Rueda no proxecto “De Circe a Morgana” do IES Castelao de Vigo
Brais Ruanova acusa a Xunta de exercer "censura ideolóxica explícita" no IES Castelao: "Non é un axuste de deseño, é unha deriva autoritaria contra o nacionalismo galego"
O BNG alerta dun "Goberno do PP obsesionado con calquera mostra de nacionalismo galego" tras a retirada da estrela vermella dun material gañador das Letras Galegas 2026
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Brais Ruanova, denunciou o que cualificou como “unha deriva autoritaria e unha censura ideolóxica explícita” por parte da Xunta de Galiza, arredor do proxecto educativo “De Circe a Morgana”, gañador do Concurso-Exposición das Letras Galegas 2026 no IES Castelao de Vigo, adicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño, figura homenaxeada este ano.
Segundo explicou Ruanova, o equipo docente incluíu no material gañador unha ilustración coa bandeira galega e unha estrela vermella, “símbolo que forma parte indisoluble do compromiso político, ideolóxico e vital de Begoña Caamaño, tal e como recoñece a propia Real Academia Galega”. A Secretaría Xeral da Lingua solicitou modificacións, pero o profesorado rexeitou unanimemente retirar a estrela, amparándose na liberdade de cátedra, a propiedade intelectual e o dereito do alumnado a unha educación crítica. Con todo, cando o material se publicou e distribuíu, “a estrela desapareceu, a bandeira modificouse sen consenso, sen alternativa e sen respecto á autoría”.
O deputado nacionalista lembrou que non se trata dun caso illado: “Lémbrase da reprimenda que lle botaron ao Consello da Cultura Galega despois de que propuxeran incluír unha estrela nunha imaxe de Castelao? Dese mesmo Castelao que portaba a estrela e a fouce do Partido Galeguista”. E engadiu: “Nós xa sabemos que nas bandeiras o PP é máis de aguias que de estrelas, pero estas actuacións só nos reafirman en que estamos diante do Goberno máis reaccionario en materia educativa”.
“Iso non é neutralidade, é censura encuberta. Non se pode invocar a obxectividade para borrar o compromiso político dunha autora”. E preguntou directamente: “Que problema ten o Goberno galego coa ideoloxía de Begoña Caamaño? Coa liberdade de cátedra? Con que haxa nacionalistas galegos e galegas defendendo este país?”.
Por último, o BNG exixiu que se respecten as leis, se garanta a propiedade intelectual do profesorado e se deixen de usar a Inspección Educativa e as secretarías xerais como “filtros ideolóxicos”. Ruanova demandou a apertura dun expediente informativo, a depuración de responsabilidades e instrucións claras para evitar que isto volva ocorrer: “O alumnado galego non merece unha educación aséptica e controlada. Merece aulas onde se poida pensar, cuestionar e coñecer a realidade tal como é”.