BNG denuncia a “censura e control ideolóxico” do PP ao rexeitar a homologación dunha xornada sobre Palestina
O BNG viu rexeitada este martes a súa proposición non de lei que instaba a Xunta de Galiza a rectificar a decisión de denegar a homologación dunha xornada formativa sobre Palestina organizada por Nova Escola Galega, así como a retirar as instrucións da Consellería de Educación que, ao abeiro da “neutralidade ideolóxica”, están a permitir, en palabras da deputada nacionalista Cristina Fernández Davila, “unha censura e control ideolóxico dentro dos centros educativos”.
A iniciativa non saíu adiante polo voto en contra do Partido Popular. Durante o debate, Fernández Davila criticou duramente a actitude do Goberno de Rueda, recordando que as instrucións publicadas en 2025 para o desenvolvemento do curso 25-26, xustificadas polo conselleiro de Educación como unha garantía de pluralismo e neutralidade, serviron na práctica para “impoñer a ideoloxía do PP”.
A deputada do BNG lembrou o caso concreto da xornada “Palestina mais alá. Educar na vida en tempos de xenocidio”, organizada por Nova Escola Galega no marco do seu encontro galego-portugués de educadoras e educadores pola paz, ao que a Consellería denegou a homologación alegando, entre outros motivos, un suposto incumprimento do principio de neutralidade ideolóxica. “Ninguén dubida da traxectoria limpa desta asociación dende 1983”, sinalou Davila, que cualificou a decisión de “chapuza” e de “censura e intolerancia manifesta”.
“O seu problema co tema de Palestina é que o Partido Popular non recoñece o xenocidio que se está producindo. Vostedes obvian todo o que di a parte contraria e, cando non teñen argumentos, traen catro papelitos esquematizados”, retrucou a deputada. Fernández Davila denunciou ademais outras accións de censura, como a retirada de bandeiras de Palestina, a denegación de actividades sobre “temas escabrosos” para os populares, ou a alteración do cartel gañador do concurso das Letras Galegas dedicado a Begoña Camaño, eliminando a estrela vermella da bandeira nacionalista.
A deputada do BNG cuestionou quen dirixe agora a aplicación da neutralidade ideolóxica, citando o novo director territorial da Coruña, Santiago Freire, “que gastaba 30.000 euros en copas” e “facía comentarios fascistas”, así como o subdirector xeral de Avaliación, Enrique Prado, autor das instrucións e quen ten artigos de ultradereita que “critican o progresismo na escola e a violencia machista”.
Fronte a esta situación, e ante o que cualificou como unha “deriva de políticas fascistas”, o BNG exixiu rectificar a denegación da homologación a Nova Escola Galega e retirar de xeito inmediato as instrucións da Consellería, convocando unha mesa sectorial para negociar a normativa educativa. “O profesorado está farto de ter máis funcións, máis responsabilidade, menos medios e menos dereitos laborais, e agora tamén menos liberdade”, concluíu a deputada, lembrando as seis folgas docentes xa convocadas no que vai de curso.