BNG denuncia a “aloucada corrida do gasto militar” do Goberno español
Néstor Rego critica ante o ministro Arcadi España o aumento do gasto militar mentres se poñen en risco políticas sociais, servizos públicos e sectores estratéxicos para Galiza
“O BNG sempre estará coa prioridade social e cos intereses da clase traballadora galega e das clases populares do noso País” afirma con contundencia Rego
O deputado do BNG alerta que o executivo xa activou a cláusula de escape para dispensar 1,5% adicional atribuído a gasto militar do cómputo global
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advirte durante a súa interpelación ao ministro de Facenda, Arcadi España, que o Goberno do Estado español está a hipotecar o futuro económico e social do Estado cun incremento “sen precedentes” do gasto militar, ao tempo que se poñen en risco políticas sociais fundamentais e sectores estratéxicos para a Galiza.
Rego critica que o executivo continúe “embarcado nunha corrida armamentística ao ditado dos Estados Unidos e da OTAN”, desviando recursos públicos cara ao gasto militar “nun momento en que é máis necesario do que nunca reforzar os servizos públicos, a protección social e as políticas de desenvolvemento económico”.
O deputado nacionalista móstrase escéptico ante a pretensión da Unión Europea de reforzar a autonomía estratéxica. “Escollen a vía equivocada porque a UE está submisa aos intereses dos EUA a través da compra de material bélico a empresas norteamericanas” incide.
O Goberno máis militarista das últimas décadas
O deputado nacionalista lembra que o Goberno presidido por Pedro Sánchez protagonizou “o maior incremento do gasto militar das últimas décadas”, especialmente desde a cimeira da OTAN celebrada en Madrid en 2022.
Segundo expón Rego, os Orzamentos Xerais do Estado de 2023 xa incluíran unha suba superior a 26% no orzamento de Defensa, mais denuncia que a escalada continuou acelerándose até alcanzar cifras “absolutamente desorbitadas”.
Neste sentido, alerta que a modificación de crédito aprobada en abril de 2025 para destinar máis de 10 471 millóns de euros adicionais a gasto militar elevará o investimento total en defensa até preto de 39 000 millóns de euros en 2025, o equivalente a 2,42% do PIB segundo os cálculos do Centro Delàs.
“Por que non destinaron eses máis de 10 471 millóns de euros aprobados no Consello de Ministros e Ministras a cumprir coa Lei de Dependencia e garantir que o Estado asuma 50% do financiamento?” require Rego ao Ministro de Facenda.
Contra a dinámica belicista do Goberno do Estado
Sobre a propaganda que está a desenvolver o executivo español, o deputado do BNG critica a dinámica belicista e a intención de militarizar a sociedade. “Esta fin de semana van a realizar un desfile militar en Vigo, cun dispendio de recursos públicos e nun momento de crise” denuncia Rego.
“O último que precisa a sociedade a día de hoxe é militarizarse, por iso o sábado haberá unha manifestación multitudinaria en Vigo en contra deste desfile e en contra da política belicista que está a ter o Goberno do Estado” asevera.
O BNG denuncia unha “hipoteca” de 82 000 millóns en armamento até 2037
Así mesmo, Rego denuncia que o Goberno xa comprometeu novos investimentos militares até o ano 2037, cun total de 15 635 millóns de euros destinados a doce novos programas especiais de armamento, aos que se engaden máis de 6 300 millóns de euros de prefinanciamento a través do Ministerio de Industria.
O Estado español, alerta Rego, está a hipotecar durante os próximos quince anos recursos públicos que deberían destinarse a vivenda, sanidade, educación, dependencia ou emprego mentres advirte que “non é certo que o incremento do gasto militar non afecte ás políticas sociais”.
Rego critica os contratos con empresas dos EUA e o Estado sionista de Israel
Durante a interpelación, o deputado nacionalista denuncia tamén que boa parte destes contratos benefician directamente empresas armamentísticas estadounidenses e israelís, mesmo “nun contexto en que ambos Estados están implicados en agresións militares, crimes de guerra, xenocidio e violando o Dereito Internacional”.
Rego critica especialmente a continuidade de contratos con empresas israelís vinculadas a programas de armamento por valor de máis de 1 100 millóns de euros, así como a adquisición de sistemas militares a grandes compañías norteamericanas como Boeing, Lockheed Martin, Raytheon ou General Dynamics.
O BNG alerta de recortes na PAC e na pesca por mor do REARM EUROPA
O deputado do BNG advirte ademais das consecuencias que terá o programa REARM EUROPA impulsado pola Comisión Europea sobre sectores fundamentais para a Galiza, como o agro e a pesca. Segundo sinala, as previsións apuntan a recortes superiores a 20% na PAC e de máis de 60% nos fondos pesqueiros no próximo marco financeiro plurianual europeo.
Na súa intervención, Rego lembra tamén as advertencias realizadas pola AIReF sobre a necesidade de aplicar “axustes de calado” nos próximos anos, o que, ao seu xuízo, confirma que “a carreira armamentística acabará traducíndose inevitabelmente en recortes sociais”.
“Hai que escoller entre tanques e hospitais”
“O BNG teno claro e a cidadanía galega tamén: hai que escoller, e nós escollemos a protección social e o impulso a políticas de desenvolvemento económico, emprego, vivenda, mellora dos servizos públicos, da educación, da sanidade, da atención á dependencia frente ás armas, ao belicismo e ao gasto militar” conclúe Rego.
Finalmente, o deputado nacionalista evidencia que a aposta do Goberno pola vía militarista “está a abrir a porta ás opcións autoritarias da dereita e da ultradereita” e reclama ao executivo rectificar e destinar os recursos públicos “ás necesidades reais da maioría social e da clase traballadora galega”.