BNG denuncia o “absoluto desleixo” da Xunta co CEIP O Coto de Negreira: “A auga sae marrón e o ascensor ten escaleiras”

Saleta Chao coas Anpas CPI O Coto (Negreira)

Saleta Chao critica as “actuacións puntuais e parches” da Consellería de Educación fronte ás graves carencias do centro, incluíndo problemas de accesibilidade, subministración eléctrica e humidades

O BNG denuncia o “absoluto desleixo” da Xunta co centro: “as instalacións están nunha situación dramática, inaceptable en pleno 2026”

No pleno celebrado hoxe no Parlamento galego, a deputada do Bloque Nacionalista Galego, Saleta Chao, exixiu ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, unha “rehabilitación integral e urxente” do CEIP O Coto de Negreira, tras denunciar que o centro acumula anos de “absoluto desleixo” por parte do goberno de Rueda.

“Os espazos educativos son un elemento fundamental da aprendizaxe, mais a Consellería tratou este colexio cunha desidia inaceptable”, afirmou Chao, quen detallou as múltiples deficiencias estruturais do colexio: incumprimento da normativa de accesibilidade, cun ascensor que mesmo ten escaleiras nalgúns niveis; unha instalación eléctrica obsoleta que provoca continuos apagóns diarios, comprometendo equipos electrónicos e a refrixeración de alimentos e medicación; auga marrón polas tubaxes; humidades, buratos nas portas e deterioro xeral de pavimentos e corredores.

A deputada lembrou que a comunidade educativa leva “moitos anos loitando” por unha actuación definitiva, obtendo só “parches” que non resolven os problemas de fondo. Criticou ademais que, a pesar de que o BNG rexistrou unha iniciativa o 25 de marzo, a Delegación Territorial de Educación visitou o centro o 15 de abril “como se fose a primeira vez que escoitaban falar do tema”, e lamentou que o novo delegado –a quen acusou de ter “méritos en machismo e apoloxía do franquismo”– non asumise ningún compromiso concreto.

“Señor conselleiro, ten pensado impulsar a rehabilitación integral deste centro ou van seguir mirando para outro lado?”, preguntou Chao, que subliñou o recorte orzamentario en infraestruturas educativas por parte da Xunta.