BNG denuncia o “abandono” do PP á música e ao baile tradicional e reclama un plan de choque para o sector
A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas, denunciou a “desidia” do Goberno de Rueda coa música e o baile tradicional galego, e reclama unha serie de medidas urxentes para a súa promoción e transmisión. O BNG presentou unha Proposición Non de Lei que, malia a súa importancia para o sector, foi rexeitada polo PP.
Queixas lamentou que, a pesar de que 2025 foi declarado como o Ano das Cantareiras e de que a sociedade galega amosou o seu orgullo por unha cultura “viva, participativa e creativa”, a resposta institucional do Goberno do PP na Xunta foi “inexistente”. A deputada cuestionou a ausencia de políticas activas: “Onde estivo a música e o baile tradicional nos orzamentos? Que presenza tiveron na CRTVG? Que apoio recibiron para estar en festivais internacionais?”.
Un dos puntos máis críticos da súa intervención foi a falta de datos actualizados sobre o sector. “A día de hoxe non coñecemos os números que move a música e o baile tradicional. O PP négase sistematicamente a facer un estudo, como o que fixo o bipartito en 2006 no Libro branco do ensino na música tradicional en Galiza, que amosou máis de 20.000 estudantes e un movemento económico de máis de 3 millóns de euros”, lembrou.
A proposición do BNG instaba a Xunta a realizar un estudo rigoroso para coñecer a dimensión social e económica do sector; reforzar a presenza da música tradicional nos conservatorios, nomeadamente coa gaita de fol, e implantar o Grao de Instrumentos de Música Tradicional na Coruña; promover a investigación e a difusión deste patrimonio inmaterial dentro e fóra de Galiza; e regularizar a situación laboral dos profesionais e docentes do sector, especialmente castigado dende a pandemia.
A recente declaración da música e o baile tradicional como Ben de Interese Cultural, cualificouna como unha medida “chegada in extremis”, aprobada “no 3º intento e sen contar co sector”, e advertiu: “Ser BIC non é garantía cando o patrimonio está en mans do PP. Déixanos abandonar os BIC do patrimonio material, como van atender o inmaterial? A declaración fala dunha avaliación dentro de 9 anos. E mentres tanto, que? Non teñen ningún plan? Non hai documento de traballo? O estudo do 2006 xa caducou”.
A deputada nacionalista concluíu a súa intervención lamentando o voto en contra do PP, que cualificou como “unha nova oportunidade perdida” e unha mostra de que “para este Goberno, a nosa cultura tradicional é un adorno e non unha prioridade”. O BNG, afirmou, “non vai permitir que a declaración BIC sexa un punto e final, senón que seguirá esixindo que sexa un punto de partida para salvar e impulsar un dos nosos principais sinais de identidade”.