BNG denuncia o abandono da comarca do Ortegal pola Xunta e exixe a execución inmediata da vía de Alta Capacidade
Mon Fernández critica que o proxecto acumule máis de dúas décadas de atrasos mentres o PP segue sen executar nin un euro das partidas comprometidas
O BNG reclama consignacións reais, prazos e compromisos firmes nos orzamentos de 2026 para acabar coa “condena á incomunicación” do Ortegal
O deputado acusou ao PP de “tratar a veciñanza do Ortegal como cidadanía de segunda” e de substituír a planificación real por “fume, fume e máis fume”
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, denunciou na Comisión 3.ª Economía, Facenda e Orzamento a situación “de abandono absoluto” da comarca do Ortegal por parte da Xunta e o incumprimento reiterado dos compromisos orzamentarios coa vía de Alta Capacidade Costa Norte, un proxecto que debía estar rematado no ano 2007 e que, vinte anos despois, segue practicamente sen avances.
Fernández lembrou que as obras, iniciadas en 2009, apenas avanzaron nas variantes de Ortigueira e Xove, “unha porcentaxe ridícula do total previsto”, mentres que as partidas de 4 millóns de euros consignadas nos orzamentos de 2023, 2024 e 2025 quedaron sen executar. “O Partido Popular leva anos xogando co territorio, prometendo o mesmo cada exercicio e non cumprindo nada”, reprochou.
O parlamentario nacionalista cualificou a situación como “un auténtico castigo a unha comarca enteira”, subliñando que a falta de comunicacións está directamente ligada ao declive económico e demográfico do Ortegal. “Todos os concellos, veciños e mesmo alcaldes do PP coinciden en que a incomunicación é o principal freo ao desenvolvemento”, afirmou, lembrando que mesmo a alcaldesa de Cariño advertiu que “sen infraestruturas non hai investimento nin futuro”.
Mon Fernández acusou ao Goberno galego de “tratar a veciñanza do Ortegal como cidadanía de segunda” e de substituír a planificación real por “fume, fume e máis fume”. “O Partido Popular abandonou o ferrocarril, desmantelou o transporte por autobús e bloquea a Vía de Alta Capacidade. Non lles ofrecen alternativa ningunha aos veciños e veciñas”, afirmou.
Finalmente, o deputado do BNG reclamou que os orzamentos de 2026 inclúan partidas efectivas e prazos de execución concretos para a VAC Costa Norte e advertiu que o Bloque “non aceptará máis escusas nin consignacións ficticias”. “Non se pode condenar un territorio enteiro á incomunicación e á emigración mentres se fala de equilibrio territorial. O Ortegal merece comunicacións, futuro e dignidade”, concluíu.