BNG demanda á Xunta que cofinancie o plan de exhumacións de vítimas do franquismo e que o saque da clandestinidade

Luís Bará
Solicita a creación dun departamento de memoria e a comparecencia no Parlamento do equipo que está levando a cabo o plan en Galiza
 
Luís Bará: “O PP está militando na antimemoria, exhumando o franquismo, facendo política en branco e negro e deixando o NODO nun precursor mediocre”

O deputado do BNG, Luís Bará, esixiu a participación activa da Xunta no desenvolvemento e divulgación do Plan de Exhumación de vítimas do franquismo e reclamoulle que o cofinancie con achegas propias e o saque da clandestinidade. Así mesmo, solicitou a creación dun departamento de memoria que asuma a coordinación, o impulso e a difusión do plan de exhumacións.

Pediu ademais a comparecencia no Parlamento do equipo multidisciplinar encargado de desenvolver o plan en Galiza,   formado polo grupo Histagra, o Instituto de Medicina Legal de Galiza (Imelga), o Grupo de Medicina Xenomíca e o Instituto Luis Concheiro de Ciencias Forense a quen a Universidade de Santiago lles encargou os traballos despois do convenio asinado coa Xunta para facer efectivo o investimento dos fondos transfridos polo Goberno Central para o proxecto.
 
Para facer efectivo o investimento dos fondos transferidos polo Goberno central, a Xunta asinou convenios anuais coa USC para encomendarlle as tarefas a este equipo, “sen participar no desenvolvemento do proxecto”, apuntou Bará.

Na iniciativa do BNG, que foi rexeitada polo PP,  solicitaba tamén a colaboración do Executivo galego no plan de reparación e homenaxe ás vítimas da represión, no acompañamento ás familias, na identificación dos restos e nas accións de enterramento digno, sempre en coordinación coas familias e respectando o seu dereito á intimidade.

“Non se trata de cuestións partidistas. Trátase de cumprir os mandatos do dereito internacional. Esta é unha iniciativa, podemos dicir,  das Nacións Unidas, non do BNG”, considerou, advertindo que en Galiza está moi atrasada nesta materia en relación con outras partes do Estado. “Está practicamente todo por facer porque o PP milita na antimemoria, no desprezo ás vítimas e no esquecemento. Milita nesa idea da que presumen de non gastar un euro en memoria histórica”, recalcou.

Afondando nesta idea, Luís Bará aproveitou para criticar o acto celebrado no Gaiás este martes pola Xunta do PP para conmemorar o primeiro ano desta lexislatura e que— denunciou— foi pagado con cartos públicos. “Onte vimos como a Xunta do PP exhumaba o franquismo”, un exercicio que cualificou de “política en branco e negro, unha volta ao pasado, deixando o NODO en mal lugar, como un precursor mediocre”; “este é o estilo Rueda na peor tradición franquista”, apostilou.

Cando se cumpren 50 anos da morte do ditador, o deputado subliñou que  se trata dunha “absoluta anomalía” estar a estas alturas do século XXI falando de exhumacións e que en calquera outro país do mundo fixeron o proceso pouco despois do remate das ditaduras. “Que esteamos aínda falando disto fala moi mal da transición e da democracia española, que esqueceu as vítimas do franquismo e deixou na impunidade os seus crimes,  deixou soterradas nas cunetas e nas fosas comúns a miles de persoas que loitaron polas liberdades e pola democracia”.

Durante a súa intervención, Bará quixo lembrar a Rosario Hernández Diéguez A Calesa, que con 20 anos, despois de ser violada e asasinada, foi fondeada amarrada a unha prancha de ferro nas proximidades das Illas Cíes, desaparecendo o seu corpo para sempre sen que a familia tivese un lugar para depositar unhas flores.

Neste punto acusou o PP de “liquidar” un programa de exhumación de fosas e da creación dun banco de ADN en colaboración co Instituto de medicina legal da USC que impulsara o BNG desde a Consellería de Cultura. “Este é o trato que lle dan ás vítimas da represión”, incidiu, recordando que tampouco cumpren co acordo parlamentario de 2018 para facer un plan de exhumación en colaboración con todas as administracións.
  
Galiza, moi lonxe de referentes en memoria histórica.

Bará expuxo os problemas estruturais que presenta o Plan de Exhumacións en Galiza, desenvolvido entre 2021 e 2024 con fondos do Goberno central por un importe de 320.000 euros. Estas partidas foron xestionadas pola Consellería de Cultura a través do programa de Actividades de promoción e difusión cultural, sen unha planificación específica nin difusión pública.  
 
Entre as principais eivas sinaladas polo deputado nacionalista están a falta dunha oficina ou departamento específico de memoria histórica,— o que leva a que a tramitación dos procedementos se faga desde o departamento de Cultura ou as autorizacións das actuacións, desde o departamento de Patrimonio Cultural, cando se trata de intervencións que teñen outras dimensións ademais das histórico-culturais—; a escasa implicación institucional, a tardanza na sinatura dos convenios —que fai que non se realicen os traballos en prazo—, a falta de coordinación coas instancias xudiciais, — algo  lóxico por tratarse de lugares onde se perpetraron presuntos crimes--, ou a carencia de continuidade entre os procesos de exhumación e identificación dos restos, dilatando excesivamente os procesos.

O deputado nacionalista asegurou Galiza está a unha distancia “sideral” de referentes como Euskadi, —que conta cun plan que cualificou de “modélico, mesmo superando ao do propio Goberno central”—, Cataluña,  Andalucía ou Navarra, que levan anos traballando as políticas da memoria pero expresamente os plans de exhumación, os bancos de AND, a recuperación de corpos e o enterro digno, que “é o mínimo que merecen as familias”, manifestou.