Parlamento Galego

BNG demanda á Xunta garantir a seguridade do persoal profesional dos centros de recuperación de fauna silvestre

Ariadna Fernández

Ariadna Fernández critica a inacción de Medio Rural malia que unha inspección de traballo advertiu do incumprimento das medidas preventivas  

A deputada Ariadna Fernández pediu na Comisión 7ª ao Goberno galego que garanta a seguridade nos labores profesionais dos e das traballadoras dos centros de recuperación de fauna silvestre responsabilidade da Xunta de Galiza. Criticou así mesmo a inacción de Medio Rural malia que unha inspección de traballo nun dos centros de recuperación sacou á luz o incumprimento das medidas preventivas. Na inspección, pedíaselle á consellería un cambio de actitude con respecto á gravidade que suporía e que supón ter traballadores e traballadoras sen unhas boas condicións de seguridade. “Polo visto, para a Xunta, estes non son prioritarios”, criticou.

Na iniciativa, que foi rexeitada cos votos en contra do PP, o BNG pedía en concreto que se leve a cabo unha avaliación exhaustiva dos riscos biolóxicos aos que se expoñen, elaborando un plan de prevención que dea lugar a unha serie de medidas coordinadas que permitan controlar e garantir que se están a levar a cabo os labores profesionais coa maior seguridade posible.

Na súa exposición de motivos, Fernández lembrou que en Galiza se pecharon explotacións avícolas de autoconsumo nas zonas de risco de gripe aviar despois de que en xaneiro, tendo en conta o contexto mundial  e despois do falecemento en EEUU dunha persoa a causa desta enfermidade, o Goberno do Estado elevase o nivel de risco.

Recordou que distintos estudos demostraron que o gromo actual de H5N1 se propaga máis do que orixinalmente se pensou e que infectou a seres humanos e a gando vacún. “Todo isto require de vixilancia activa e ben planificada e métodos de rastreo que garantan que estamos traballando con datos correctos e afianzados”, subliñou.

Advertiu así mesmo que as áreas afectadas pola gripe aviar aumentarán, tendo en conta as últimas informacións sobre concentracións de aves salvaxes e rutas migratorias, coa aparición de aves afectadas en concellos que ata o de agora non apareceran na orde do Ministerio de Agricultura como afectados.   

Sinalou que este tipo de aves salvaxes son atendidas —de precisalo— polos centros de recuperación de fauna silvestre que hai en Galiza—un en cada provincia— que, segundo indicou,  teñen unha especial importancia non só na recuperación da fauna senón tamén aportando información sobre esta patoloxía que ameaza a saúde animal pero tamén a humana.

Algúns datos da gripe aviar

Tal e como relatou a deputada nacionalista, en 2022 detectáronse en Galiza 29 casos de IAAP (Influenza Aviar Altamente Patóxena), todos eles en aves silvestres repartidas de maneira desigual no territorio pero predominando as zonas de paso de aves migratorias por enriba das outras, cunha importante influencia das zonas marítimas, xa que practicamente a totalidade foron diagnosticados de xeito positivo en aves mariñas. En 2023 contabilizáronse 13 casos positivos en Galiza, que conta con zonas de especial risco, aumentando en superficie esta pasada temporada debido a un incremento do risco derivado do virus.

En agosto de 2024 notificáronse 3 casos máis no estado español, os 3 en Galiza, correspondentes ao gromo no centro de recuperación de fauna de Oleiros, no que se levou a cabo un baleiro sanitario e que permaneceu pechado o tempo correspondente. 
 
A maiores hai que lembrar que, xa no 2025, detectouse en Portugal un caso en galiñas poñedoras nunha granxa de 55.000 animais. Tamén apareceron en xaneiro no resto de Europa  99 casos en aves silvestres,  23 en aves en catividade e 33 focos en aves de curral, a maioría en Centroeuropa. No estado español, dende o 1 de xullo de 2024 ate xaneiro de 2025 confirmáronse 19 casos en aves silvestres e 1 en aves cativas. 

É por iso que o BNG insiste en extremar as precaucións no noso País, cunha vixilancia exhaustiva do transporte de animais entre Galiza e o resto das rexións do Estado, sen esquecer os animais que chegan dende Portugal,  concienciando a poboación en xeral e á que traballa con animais e aves nos seus distintos estadios.