BNG demanda rexeitar o proxecto eólico-fotovoltaico Testeiro do Conso e urxe unha planificación xusta para a Galiza

Carme da Silva

Carme da Silva pide ao Goberno rexeitar o proxecto Testeiro do Conso por ser “incompatíbel coa protección ambiental e o desenvolvemento do rural galego”

A organización nacionalista reclama unha planificación enerxética conxunta e xusta coa Galiza, que poña fin ao modelo extractivista e respecte o territorio

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado rexeitar a autorización administrativa e ambiental do proxecto eólico-fotovoltaico Testeiro do Conso, promovido por Feresvello Eólica S.L., e que afecta aos concellos da Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, en Ourense, e ao de Pías, en Zamora.

A iniciativa, presentada pola senadora Carme da Silva, reclama ademais a paralización de todos os proxectos enerxéticos actualmente en tramitación mentres non se leve a cabo unha planificación conxunta e coordinada coas Comunidades Autónomas -no caso galego, coa Xunta de Galiza- que garanta unha implantación proporcional, racional e equilibrada, respectuosa co patrimonio natural, cultural e coas actividades agrícolas e forestais da zona.

“O proxecto Testeiro do Conso é un exemplo máis dun modelo extractivista que espolia o territorio, destrúe o medio e non deixa beneficio ningún no territorio” denuncia Carme da Silva, quen subliña que “a transición ecolóxica non pode ser unha escusa para seguir depredando o rural galego”.

A senadora do BNG advirte que a área afectada “é unha das máis vulnerábeis de Ourense, duramente golpeada polos incendios deste verán” e que a súa transformación “en solo industrial para acoller aeroxeradores e paneis solares vulnera a propia Lei de Montes da Galiza”.

“A Galiza xa produce máis enerxía renovábel da que consome, mais continúa sen recibir retorno nin compensación polos impactos que soporta. É urxente un cambio de modelo que poña os intereses do país e das súas xentes por riba dos beneficios das grandes corporacións” enfatiza a senadora Da Silva.

A iniciativa do BNG propón rexeitar a autorización administrativa e ambiental do proxecto Testeiro do Conso, pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais, socioeconómicos e paisaxísticos da zona.

“Paralizar os proxectos enerxéticos en tramitación ata contar cunha avaliación conxunta e coordinada entre o Goberno do Estado e a Xunta da Galiza” recolle a moción nacionalista. Do mesmo xeito, insta o Goberno a elaborar unha planificación conxunta baseada en criterios de proporcionalidade e equilibrio, que garanta a protección do patrimonio natural e cultural e o mantemento das actividades produtivas tradicionais.