BNG demanda a retirada da simboloxía franquista no Pazo de Xustiza de Pontevedra

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego urxe cumprir a Lei de Memoria Histórica aprobada en 2007 para que se retire toda simboloxía, nomes de rúas e edificios públicos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas para que o executivo estatal retire a simboloxía da ditadura, neste caso do Pazo de Xustiza de Pontevedra, actual sede da Audiencia Provincial, e dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica. A organización nacionalista incide na necesidade e urxencia de eliminar do edificio público esta simboloxía, que quince anos despois da aprobación da lei segue na fachada, así como retirar os nomes de rúas e institucións que exaltan o franquismo que aínda perduran en toda Galiza.

O Pazo de Xustiza de Pontevedra, actual sede da Audiencia Provincial das seccións 1 e 3 do ámbito civil e a 2 e 4 do penal, construíuse durante a ditadura franquista. De facto, os terreos foron cedidos gratuitamente pola corporación municipal non democrática e financiada pola Deputación de Pontevedra. Unha vez rematada a súa construción, o edificio foi inaugurado polo Ministro de Xustiza franquista, Antonio Iturmendi Bañales, un dos creadores do Tribunal de Orde Pública en 1956.

“Como edificio do réxime que era, situouse na súa fachada un escudo con simboloxía da ditadura franquista, o cal aínda segue intacto e perfectamente visíbel na súa porta principal na actualidade” denuncia o deputado do BNG. Rego apunta que en 2007 aprobouse a Lei de Memoria Histórica onde se estabeleceu que “as Administracións públicas tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.

Para o deputado nacionalista, quince anos despois de aprobarse a Lei de Memoria Histórica “é hora de que a Administración de Xustiza cumpra co mandato legal e comece o procedemento preciso para eliminar ese símbolo franquista do edificio público”. Rego lembra que, na actualidade, está a tramitarse no Congreso o Proxecto de Lei de Memoria Democrática, texto que mantén a obrigatoriedade de retirar a simboloxía franquista e dar cumprimento aos principios de “verdade, xustiza e reparación”. 

“Este non é o único exemplo de simboloxía fascista na Galiza, por iso, defendemos que o Goberno do Estado dea cumprimento a esta Lei. É preciso retirar todos os símbolos que perduran en edificios públicos, nomes de rúas e de institucións” reclama Rego. O deputado do BNG no Congreso considera que se trata dunha “anomalía democrática” que permaneza esta simboloxía e “este executivo ten que actuar con determinación”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG