BNG demanda que as axudas para as familias cubran o 100% dos custes de recuperación da vivenda, “nin un euro menos”

María Albert
María Albert

Solicita a implicación de todas as administracións e a declaración de zona catastrófica ante un desastre ambiental, económico e social

Denuncia a falta de medios e defende un servizo de extinción e prevención totalmente público, profesionalizado e operativo os 365 días do ano

Albert: “En Valdeorras levamos nove días rodeadas de lume e cinzas”

A portavoz parlamentaria de Medio Rural, María Albert, empezou a súa comparecencia cunha sentida reflexión persoal como veciña de Valdeorras, “onde levamos nove días levantándonos entre lume e cinzas, cunha tremenda impotencia porque todos e todas coñecemos persoas que o perderon todo nestes incendios”, declarou.

Neste sentido, o BNG demanda que as axudas para as familias cubran a totalidade do custe de reconstrución das vivendas, sen tope, e que na aportación desas axudas contribúan todas as administracións: Estado, Xunta e deputacións provinciais.

“As axudas deben chegar ao 100% para recuperar o perdido, nin un euro menos do que as familias precisen para reconstruír as súas casas, non se lle pode poñer tope á reconstrución das vivendas sexa 122.000 euros ou a cantidade que se precise para recuperar a vivenda arrasada pola lapas”, explicou a deputada nacionalista. “Hai xente que o perdeu todo, sei que desde Santiago se ve a gravidade dos lumes, pero hai que entender como se está vivindo in situ, polo tanto as axudas non poden estar limitadas e deben cubrir o total da reconstrución das vivendas”, recalcou.

Para iso, o Bloque reclama a “implicación” de todas as administracións, de aí a petición de declaración de zona catastrófica para os concellos afectados tanto en Ourense como en Lugo, sen perder de vista a contribución que lles corresponda ás aseguradoras.

A prioridade é apagar uns incendios que figuran xa como os máis grandes da historia en termos de hectáreas queimadas. Por iso, a formación que lidera Ana Pontón reitera o recoñecemento ao “inmenso” traballo que está realizando todo o persoal de extinción, cunha precariedade de medios e mesmo arriscando a súas vidas.

As axudas deben chegar ao 100% para recuperar o perdido, nin un euro menos do que as familias precisen para reconstruír as súas casas

“O BNG considera intolerable que o servizo non estea operativo na súa totalidade, denuncia que facemos porque hai brigadas con menos persoal que o que establece a normativa, faltan medios mecánicos e faltan medios aéreos, despois de que os convenios que a Xunta ten cos concellos cada ano, -o de brigadas, motobombas e de rozas-, non se asinaron até finais de xuño, provocando que en moitos casos non dese tempo a contratación necesaria para estar totalmente operativos”, explicou Albert.

Unha situación que conduce ao BNG a, unha vez máis, reclamar un sistema de prevención e extinción totalmente público e profesionalizado, con mando único, e operativo os 365 días do ano, “porque os incendios apáganse en inverno e non por repetido deixa de ser unha evidencia”, alegou a deputada de Valdeorras, “uns lumes cada vez máis agresivos debido ao cambio climático”.

Proposta no inmediato, pero que debe ir acompañado de medidas estruturais a medio e longo prazo, “porque esta vaga de incendios debe supor un punto de inflexión para un cambio de modelo que deixe atrás anos de políticas de abandono do medio rural do PP”, reclamou a portavoz de Medio Rural.

Punto de inflexión, cambio de modelo

“Urxe empezar cun cambio de modelo que signifique reordenar o territorio, hai que limpar e ordenar o monte, que debe ser multifuncional, porque o abandono e a despoboación son combustible para os lumes,  abandono, despoboación e emerxencia climática son dinamita para o noso rural”, argumentou.

Hai un dato “demoledor”, subliñou a deputada: en Galiza menos do 4% da superficie agraria está destinada a cultivo de alimentos para consumo humano, fronte ao 25% da medida estatal, “non nos podemos permitir un abandono que acaba co noso medio rural que é o 90% do noso territorio”.

Galiza está soportando os lumes máis grandes da súa historia, tanto o da comarca de Valdeorras como o do Courel, ambos por riba das 10.000 hectáreas, aos que se suman outros incendios importantes como o da Serra do Invernadoiro, “estamos falando de dous parques naturais e dunha reserva da biosfera, polo tanto, afectan a algúns dos pulmóns do País, no que é un desastre ambiental, económico e social”, concluíu Albert.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG