Parlamento Galego

O BNG demanda no Parlamento medidas que aseguren o futuro dos traballadores e traballadoras de SIEMENS-GAMESA

Ramón Fernández
Ramón Fernández avogou por instar á Xunta e goberno do Estado a exixir ás empresas autorizadas con proxectos eólicos o compromiso de crear emprego e investir en Galiza

O deputado do BNG, Ramón Fernández demandou hoxe un cordo no Parlamento para  garantir o futuro da actividade e postos de traballo na factoría SIEMENS-GAMESA.

Na súa intervención, o deputado explicou que recentemente a dirección da empresa, no concello das Somozas, trasladou ao persoal a falta de garantía do emprego no 2021. Un centro, dixo o nacionalista con 300 empregos directos  e un elevado número e postos  de traballo indirecto ligado á loxística, transporte e actividades portuarias. A dirección da empresa xustifica a súa decisión pola  perda de competitividade  na demanda de palas cada vez de maior extensión e non contar coas instalacións adecuadas pero o certo é que a empresa “descartou calquera investimento no centro das Somozas para adaptarse aos novos estándares requiridos” ao que hai que sumar a propiedade dun centro en Portugal coas dimensións precisas e mellores condicións loxísticas próximas ás instalacións portuarias desenvolvidas a propósito para dar servizo a esta factoría

O parlamentario insistiu na necesidade de buscar un acordo que defenda aos traballadores e traballadoras para evitar “un novo drama persoal, familiar e social na comarca de Ferrol” e  que vai camiño, dixo,  “dun novo récord de desemprego, pobreza e perda demográfica”.

Ramón Fernández considerou que os  catro puntos recollidos na proposta do BNG son o punto de partida para non perder unha nova empresa por iso defendeu: 1.- Promover un marco de negociacións coa empresa e o comité para abordar solucións que garantan investimentos e ocupación para todo o persoal. 2- Demandar do goberno do Estado a súa participación activa nos foros que se poidan constituír para abordar a problemática da factoría. 3.- Condicionar as autorizacións de proxectos de aproveitamento eólico da súa competencia a que sirvan para promover en Galiza iniciativas empresariais e máis emprego nos sectores relacionados co sector eólico  primando aos que impliquen investimentos como a fabricación de compoñentes, e 4.- Demandar do Goberno do Estado condicionar as autorizacións de proxectos para aproveitamento eólico situados na Galiza a que sirvan para promover iniciativas empresariais e máis emprego, como sinala o  punto 3.

Pola súa parte, o portavoz popular, Miguel Tellado anunciou o voto favorable aos puntos 1 e 2 da iniciativa do BNG pero mostrou dúbidas  sobre a  legalidade dos puntos  3 e 4. No debate  o deputado nacionalista respondeu a Tellado lembrando que nunha iniciativa tratada na mesma comisión, minutos antes, o director Xeral de Industria, Bernardo Tahoces confirmou unha sentencia do TSXG sobre a inclusión de cláusulas por parte das administracións nas concesións de explotacións enerxéticas. Esas cláusulas, explicou o nacionalista son semellantes ás que nos propoñemos na nosa iniciativa, polo que pediu  ao PP que non utilizara esta circunstancia como “escusa” para non aprobar os compromisos e mecanismos de  promoción destas forzas de enerxía con grande potencial para crear emprego e recursos en Galiza.

O primeiro e segundo punto da iniciativa nacionalista foron aprobados por unanimidade sendo rexeitados os puntos tres e catro cos votos en contra do Partido popular e  a abstención do PSOE.