BNG demanda mellorar a dotación nos xulgados de primeira instancia na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Vilagarcía de Arousa, Carballo, Ribeira e Viveiro: lugares que, como mínimo, precisan da creación de diversas unidades xudiciais

Rego denuncia o desmantelamento dos servizos xudiciais no País polo Goberno do Estado e a pasividade da Xunta de Galiza ante esta situación

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas para que o Goberno do Estado realice as xestións e trámites para dotar aos partidos xudiciais de Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo dun novo xulgado de primeira instancia e instrución. A organización nacionalista demanda non suprimir os partidos xudiciais existentes na Galiza e tamén non reducir as competencias dos mesmos na actualidade para garantir unha boa atención xudicial para os galegos e galegas para atender todo o volume de asuntos.

De 2010 a 2018 non se crearon xulgados novos na Galiza fóra das novas unidades nas cidades de Ourense, Ferrol, Vigo e A Coruña e, paralelamente, tampouco os partidos xudiciais das localidades galegas  experimentaron algunha clase de variación no número de xulgados. Unha realidade que, no BNG consideran preocupante e unha “clara expresión da estratexia dos diferentes Gobernos do Estado que ten por obxectivo a concentración dos servizos xudiciais nas sete cidades máis poboadas da Galiza”.

A situación de desatención no resto de partidos xudiciais está abocándoos á súa extensión que mesmo se reflicte na comunicación emanada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, en cumprimento da Lei de Planta e Demarcación Xudicial. Neste escrito asinado na sesión do 26 de febreiro de 2021, o organismo estatal estabeleceu a necesidade de crear diversas unidades xudiciais en varios partidos xudiciais da Galiza. “A creación do xulgado mixto número tres en Viveiro e o número catro tanto en Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo” explica o deputado.

“A Xunta de Galiza non recolleu nin asumiu a proposta realizada” denuncia Néstor Rego sabendo que é un dos requisitos que se precisan para que o Ministerio de Xustiza redacte a correspondente disposición normativa e procederá á tramitación do ou dos proxectos. Mentres a Administración galega evadía a súa responsabilidade, o Goberno do Estado unicamente acordou ampliar a administración de Xustiza na Galiza cun novo xulgado na cidade da Coruña. Ademais, lembra que o Goberno ten pendente aínda cumprir co compromiso de ampliar o número de xulgados de violencia de xénero na Galiza e, en concreto, de maneira urxente, en Santiago de Compostela, Lugo e Ourense.

En definitiva, o Goberno non pode desatender as necesidades e servicios xudiciais na Galiza, e deben dotarse con urxencia, cando menos, os partidos xudiciais de Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo cun novo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución. “Os xulgados mixtos de Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Viveiro e Carballo presentan unha taxa de conxestión superior á media galega e á estatal, incompatíbel cunha adecuada prestación de servizo público, e cun ingreso de asuntos na vía civil superior ao módulo aprobado” afirma o deputado do BNG.

“Tamén queremos saber se entra nos plans do Goberno a supresión dos partidos xudiciais actualmente existentes en Galiza ou a redución de competencias para a celebración de vistas e práctica de dilixencias e actuacións nas actuais sedes dos Partidos Xudiciais existentes” explica Rego. Para o deputado, existen necesidades estruturais nos partidos xudiciais da Galiza polo que “é urxente a realización de melloras na planta xudicial que permitan unha adecuada xestión xudicial para a cidadanía  galega”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG