Senado

BNG demanda ao Goberno activar de inmediato o proxecto de nova EDAR na Bola, incluído no Plan Hidrolóxico 2022-2027

Visita A Bola

Carme da Silva advirte de que os atrasos agravan os problemas de contaminación do río Ourille e afectan á saúde e ao benestar da veciñanza

O BNG insta o Goberno a activar de inmediato o proxecto da nova depuradora na Bola, incluído no Plan Hidrolóxico 2022-2027 con 80% de financiamento estatal

A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar no Senado unha iniciativa para exixir ao Goberno do Estado a activación inmediata do proxecto de mellora da depuración no concello ourensán da A Bola. Esta actuación, sinala a senadora nacionalista, está incluída no Plan Hidrolóxico 2022-2027 cun investimento previsto de 730.000 euros, dos cales o Estado debería asumir o 80% (584.000 euros) e o concello o 20% restante (146.000 euros).

Durante a visita da senadora ao termo municipal da Bola, Carme da Silva estivo acompañada pola portavoz municipal do BNG, Vanesa García, a deputada nacionalista no Parlamento de Galiza, Sonia Vidal, o deputado na Deputación de Ourense, Xosé Manuel Puga, e a responsábel comarcal do BNG, Ernesta Seoane, así como de veciñanza do Concello da Bola.

A formación nacionalista reclama explicacións sobre os motivos do atraso na execución do proxecto e demanda que se concreten prazos claros para o comezo das obras, que inclúen tanto a renovación dos colectores como a construción dunha nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). “Non é de recibo que, malia estar prevista a actuación no Plan Hidrolóxico e contar cun proxecto redactado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), sigamos sen avances nin compromiso firme para a súa execución” denuncia Carme da Silva.

A senadora do BNG lembra que A Bola sofre desde hai anos graves problemas de saneamento, cun impacto directo na calidade das augas do río Ourille e consecuencias para a saúde pública e o medio ambiente. “Chegouse a prohibir o baño na zona fluvial de Ponte Barbón e mesmo houbo problemas no subministro de auga á poboación. A situación é inadmisíbel e require dunha resposta inmediata por parte das administracións implicadas” subliña.

Da Silva critica tamén o “xogo de balóns fóra” entre o Estado e a Xunta, que leva anos bloqueando un proxecto esencial para a veciñanza. “A CHMS elaborou e remitiu o proxecto ao concello, recoñeceu a gravidade da situación e expresou a súa vontade de colaborar. Pero as obras seguen paralizadas mentres se lanzan escusas sobre a falta de convenio previo entre as administracións” explica.

Ante esta situación, o BNG exixe ao Goberno do Estado aclarar o estado actual de tramitación do proxecto, incluído no Plan Hidrolóxico 2022-2027. “Debe informar se xa se rematou a redacción definitiva do proxecto e se se mantén comunicación co Concello” require a senadora.

“Hai que identificar as razóns concretas do atraso na execución da actuación e estabelecer un calendario claro para a licitación e execución das obras de mellora do saneamento e construción da nova EDAR” reclama Carme da Silva, mentres demanda o firme compromiso do executivo estatal para iniciar as actuacións de forma inmediata, sen máis dilacións nin escusas administrativas.

“Estamos a falar dun investimento esencial para garantir un servizo básico e a protección ambiental dun espazo natural tan valioso como o río Ourille. Non imos permitir que esta actuación siga no caixón por culpa da desidia institucional” conclúe Carme da Silva.