BNG defenderá no Senado solucionar os problemas de conexión que sofren milleiros de veciños e veciñas en Tomiño

Carme da Silva

Carme da Silva Méndez urxirá o Goberno a resolver a “escuridade dixital” que padece a veciñanza que vive na zona transfronteiriza con Portugal ao longo do río Miño

A iniciativa será debatida e votada a vindeira terza feira, 16 de xuño, na Comisión de Transformación Dixital da cámara alta

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, defenderá a próxima terza feira, 19 de maio, na Comisión de Transformación Dixital do Senado unha moción para reclamar solucións urxentes ante os graves problemas de cobertura móbil, desconexións e apagamentos dixitais que padecen miles de habitantes do Concello de Tomiño, especialmente nas parroquias situadas na zona transfronteiriza con Portugal e ao longo do río Miño.

A iniciativa nacionalista denuncia que máis de 7.000 persoas, arredor de 50% da poboación do municipio, sofren unha cobertura deficiente ou directamente inexistente. “En moitas zonas as chamadas córtanse continuamente, a calidade do son é moi baixa e, nalgúns casos, nin sequera é posíbel manter unha conversación telefónica” denuncia a senadora nacionalista.

A moción pon o foco no denominado “efecto fronteira”, que deixa practicamente sen cobertura ás parroquias situadas na raia con Portugal. Núcleos como Freixoal, Pinzás, Cristelos, Vilachán do Monte, A Chan, Carregal, Forcadela, Sobrada, O Couto, Tollo, Fontenla, Amorín ou Currás padecen unha auténtica “zona escura” de comunicacións.

Carme da Silva Méndez sinala que “é intolerábel que en pleno século XXI milleiros de persoas teñan dificultades para facer cuestións tan básicas como pedir unha cita médica, realizar trámites bancarios, seguir as aulas dixitais ou simplemente falar coa familia por mor da falta de cobertura”.

Denuncia tamén que “o Ministerio está a mirar cara a outro lado ante un problema real que afecta gravemente á vida diaria da veciñanza, ás persoas maiores, estudantes, autónomos e á actividade económica dunha comarca dinámica e en crecemento como é o Baixo Miño”.

O BNG lembra que o Concello de Tomiño leva desde 2020 realizando xestións diante das operadoras, da Secretaría de Estado de Telecomunicacións, da Xunta, da FEGAMP e da Valedora do Pobo sen obter solucións efectivas. Tamén o Valedor do Pobo Transfronteirizo advertiu da necesidade de adoptar medidas específicas e mesmo estudar modelos de infraestruturas compartidas que xa funcionan noutros países.

“A resposta do Ministerio foi absolutamente insuficiente porque se limita a repetir programas xenéricos de extensión da banda ancha mentres admite que nin sequera comprobou se a cobertura existente ten unha calidade adecuada” critica Da Silva Méndez.

Así mesmo, a senadora do BNG lembra que estes problemas xa foran trasladados polo BNG ao Ministro de Transformación Dixital, Óscar López, durante unha comparecencia na cámara alta onde reclamaron solucionar, dunha vez por todas, os problemas na conexión nas zonas fronteirizas na Galiza con Portugal.

A través desta iniciativa, o BNG reclama ao Goberno do Estado que adopte medidas concretas para solucionar os problemas de conectividade e escuridade dixital no municipio, que analice fórmulas específicas para mellorar a banda larga na área transfronteiriza —incluíndo modelos de infraestruturas compartidas— e que examine a calidade real da cobertura 4G e 5G proporcionada polas operadoras na zona.

“Garantir unha conectividade digna é tamén garantir igualdade de oportunidades, cohesión territorial e futuro para o rural galego” conclúe a senadora nacionalista.