Congreso

BNG defenderá recoñecer xuridicamente as comunidades de montes veciñais en man común para poderen actuar como comunidades enerxéticas

Néstor Rego

Néstor Rego, sobre a aposta por modelos distribuídos e de proximidade: “As comunidades de montes poden ser actores centrais na produción de enerxía renovábel, xerando riqueza e servizos para aldeas e parroquias”

A iniciativa do BNG que será debatida e votada na vindeira cuarta feira, 19 de novembro, procura dar pasos cara a un modelo xusto, sustentábel e socializado

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, leva a debate e votación unha iniciativa á Comisión de Transición Ecolóxica co obxectivo de que o Goberno recoñeza xuridicamente as comunidades de montes veciñais en man común para poderen actuar como comunidades enerxéticas de pleno dereito. A iniciativa, sinala Rego, é “imprescindíbel para remover atrancos legais e permitir que o rural galego se beneficie plenamente da transición enerxética”.

A falta de desenvolvemento normativo das comunidades enerxéticas e, en particular, a ausencia de encaixe das comunidades de montes -propiedade de carácter comunitario propia da Galiza- na lexislación estatal, alerta o deputado do BNG, está a impedir o acceso a axudas, subvencións e o seu recoñecemento como promotoras de proxectos.

A figura xurídica recoñecida e histórica do noso País non pode quedar fóra dun modelo que precisamente procura democratizar a enerxía e favorecer o desenvolvemento local” defende Rego.

Para o deputado nacionalista, a situación actual no sector eléctrico evidencia a necesidade de apostar por modelos distribuídos e de proximidade: “a cidadanía está sufrindo un sistema de oligopolio, que xera lucros multimillonarios para uns poucos e prexuízos para a maioría social. Precisamos dar pasos decididos cara a un modelo xusto, sustentábel e socializado” reivindica.

Neste sentido, a iniciativa do BNG demanda ao Goberno do Estado desenvolver unha regulación que dea resposta ás necesidades das comunidades enerxéticas de base cidadá, especialmente no ámbito rural, e a recoñecer expresamente as comunidades de montes veciñais en man común como comunidades enerxéticas de pleno dereito segundo o establecido na Lei 24/2013.

Rego lembra que o monte veciñal representa arredor de 20% do territorio galego, con máis de 650.000 hectáreas xestionadas por unhas 3.000 comunidades: “Falamos dun potencial económico enorme para o rural galego. As comunidades de montes poden ser actores centrais na produción de enerxía renovábel, xerando riqueza e servizos para aldeas e parroquias”.

Por iso, Rego insiste, “é urxente recoñecelas legalmente como comunidades enerxéticas cando así o soliciten, sen obrigalas a recorrer a outras figuras asociativas alleas á súa realidade”. “O rural galego non pode quedar atrás nun proceso que debe ser unha oportunidade para crear emprego, fixar poboación e garantir unha xestión enerxética máis xusta. O Estado ten a obriga de facilitar, non de impedir” conclúe Rego.