BNG defenderá no Congreso un sistema de financiamento xusto para a Galiza baseado no concerto económico
Néstor Rego urxirá o Goberno a apostar por un sistema tributario “máis xusto, equitativo e redistributivo” e a efectivizar a quita da débeda conseguida polo BNG
A organización nacionalista defenderá os concellos galegos reclamando un mellor sistema de financiamento local
Maior capacidade de recadación para a Galiza e plena decisión en materia fiscal dotándose dunha facenda propia co obxectivo de mellorar os servizos públicos
Após a interpelación do deputado do BNG no Congreso á Vicepresidenta Primeira e Ministra de Facenda, a organización nacionalista leva a debate e votación unha moción para demandar un novo sistema de financiamento para a Galiza baseado no concerto económico e maior capacidade de decisión en materia fiscal. Néstor Rego defenderá a necesidade de rematar tamén cun sistema de financiamento local inxusto para os concellos galegos e urxirá a efectivizar, o antes posíbel, a quita da débeda conseguida polo BNG no Acordo de Investidura.
Ante o inxusto e ineficaz sistema de financiamento actual para a Galiza, o Bloque Nacionalista Galego interpelou a María Jesús Montero, Ministra de Facenda para demandar a mellora do sistema. Para a organización nacionalista “é imprescindíbel estabelecer unha nova relación co Estado en materia de financiamento e pór fin ao centralismo financeiro e que a Galiza teña a capacidade de decidir sobre a totalidade dos recursos”.
“O modelo de concerto económico é a alternativa que permitirá acadar un financiamento xusto que mellore os servizos públicos e a calidade de vida dos e das galegas, mentres tamén se potencian os sectores produtivos” defende Rego.
O deputado nacionalista urxirá a mudar o antes posíbel o actual sistema de financiamento e que o Goberno do Estado negocie co Goberno galego –de forma bilateral- as bases para o estabelecemento dun novo que permita á Administración Galega recadar todos os seus impostos, plena capacidade de decisión en materia fiscal e dotarse dunha facenda propia.
Así mesmo, o Bloque recolle na iniciativa a necesidade de “revisar e mellorar o financiamento local e a participación das Entidades Locais nos tributos do Estado, asegurando criterios xustos que non discriminen ninguén e velando porque os concellos non se vexan na obriga de asumir gastos extraordinarios polos denominados servizos impropios”.
“O Goberno debe apostar por un sistema tributario máis xusto, equitativo e redistributivo, que faga realidade a premisa de que ten que contribuír máis quen máis capacidade económica ten” engade o deputado nacionalista na moción presentada e que se someterá a votación no vindeiro pleno.
Por último, despois de dous anos do comezo de lexislatura e a sinatura do Acordo de Investidura entre BNG, e PSOE o deputado nacionalista demandará ao executivo que efectivice o antes posíbel a quita da débeda para a Galiza conseguida polo BNG. “A condonación permitiría reducir a partida dos orzamentos da Xunta reservada para o pagamento da débeda e incrementar, así, os fondos para gasto social, unha prioridade no noso País” sentenza Néstor Rego.