Congreso

BNG defende subir as pensións mínimas e restabelecer a idade de xubilación aos 65 anos

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego presentou emendas ás recomendacións da Comisión do Pacto de Toledo por considerar que consolidan a perda de dereitos dos pensionistas. O BNG fixa como obxectivos mellorar o poder adquisitivo das pensións e reforzar o sistema público para garantir pensións dignas.

O Bloque Nacionalista Galego considera que as recomendacións emanadas da Comisión Parlamentaria de seguimento do Pacto de Toledo fundaméntanse nunha base errada, na validez das  regresivas reformas do sistema público de pensións aprobadas nos anos 2012 e 2013. “É certo que se introduce unha vontade de superar en parte a reforma do 2013, cando se fala do índice de revalorización das pensións, pero permanece intacta o resto, que mesmo se actualiza para camiñar nunha liña de recorte do sistema público de pensións” destacou o deputado nacionalista, Néstor Rego.

A formación nacionalista non considera positiva a ampliación do período do cálculo para a base reguladora e advirte que se omite calquera mención a unha posible  derrogación do factor de sustentabilidade expresamente imposto na reforma do 2013.  Rego subliñou que “en ningún momento fálase de eliminalo, polo que debe entenderse que se pretende que se manteña aínda que haxa un acordo político en sentido contrario ligado aos Orzamentos Xerais do Estado do 2018”.

A xuízo do deputado nacionalista, todas as recomendacións presentadas na  Comisión do Pacto de Toledo “deixan translucir un trasfondo prexudicial co que non estamos de acordo”, e pon como exemplo a prolongación da idade de xubilación, dado que se aposta por incentivar a permanencia no posto de traballo e por achegar a idade de xubilación real á legal.

Pola contra, o BNG aposta por restablecer a xubilación ordinaria aos 65 anos e a voluntaria ao cumprirse 35 anos de cotización á Seguridade Social, reais ou compensados pola aplicación de coeficientes redutores naquelas profesións que os teñan asignados. A fronte nacionalista considera moi grave a omisión da modalidade de xubilación parcial e defende a derrogación das actuais discriminacións e  dificultades de acceder á mesma por ser unha modalidade de xubilación de múltiples  beneficios, pois permite un acceso digno á xubilación e ao mesmo tempo serve para crear emprego e incorporar cotizantes novos á seguridade social.

Ademais, Rego advirte que a revalorización das pensións conforme ao IPC -sendo un avance fronte á conxelación ou ridículas subidas anteriores, non permite recuperar o poder adquisitivo perdido durante os anos da crise nin garantir pensións dignas para amplos sectores de pensionistas, especialmente os que cobran pensións mínimas. Por iso o BNG aposta por subir a pensión mínima para igualala co Salario Mínimo Interprofesional para posteriormente ir incrementando ambos ata alcanzar o 60% do salario medio, tal e como se recolle na Carta Social Europea. Iso levaría a que o SMI e a pensión mínima estivesen fixados en 1.142 euros, cando no Estado español actualmente o Salario Mínimo é de 950 euros.

Entre as propostas presentadas polo BNG está a eliminación dos topes máximos de cotización á Seguridade Social mantendo uns topes máximos nas  prestacións económicas, así como a eliminación das desgravacións fiscais nos plans privados de pensións e impedir a introdución dos mesmos como plans privados de empresa a través da negociación colectiva.

“Desde hai anos tentáronse promover, a través de importantes desgravacións fiscais, os plans privados. Agora preténdense impoñer a través do fomento dos sistemas complementarios na negociación colectiva para, na práctica establecelo como substitutivo. Nós defendemos que eses recursos deben ir fortalecer o sistema público”, sinala Néstor Rego.

Por outra banda, o BNG propón eliminar as discriminacións ou penalizacións existen- tes nas condicións legais de acceso á pensión das persoas empregadas a tempo parcial. “É necesario buscar un paquete de medidas #ante os abusos patronais por  infracotización ou falta de cotización, que no caso galego ademais é particular-mente grave. Tampouco se achega solución para as empregadas do fogar. En resumo, non se incorporan solucións reais, cando son medidas necesarias de carácter  estrutural para conseguir a equiparación das pensións das mulleres respecto das dos homes”, subliña Néstor Rego.

Ademais, Rego insta o estabelecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación en novas profesións así como a revisar e mellorar os xa existentes e lembrou que o BNG ten presentado diversas iniciativas respecto diso para que se apliquen estes coeficientes redutores a colectivos específicos, como ás e os mariscadores ou á minería ao descuberto, profesións con elevada penosidade e risco para a saúde dos e as traballadoras que as desempeñan.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG