Congreso

BNG defende a ría de Arousa frente ás verteduras de dragados: “Non imos permitir que a convertan nun vertedoiro”

Néstor Rego

Néstor Rego reclama ao Goberno rexeitar a posibilidade de que as Rías Galegas sexan puntos de depósito de materiais de dragados e exixe realizar un estudo para avaliar o impacto dos sedimentos xa depositados

O BNG reclama unha planificación ambiental rigorosa, baseada na protección dos recursos naturais, a participación do sector e o cumprimento estrito dos acordos

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno do Estado que rexeite calquera posibilidade de utilizar as rías galegas, e en particular a Ría de Arousa, como punto de depósito de materiais procedentes de dragados portuarios. A proposta do BNG, segundo explica o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ademais a clausura definitiva do punto de vertedura situado nas proximidades da Illa de Sálvora, así como a realización de estudos ambientais que permitan avaliar o impacto ecolóxico e económico deste tipo de prácticas sobre un ecosistema de alto valor.

Un punto de vertedura sen control nin aval ambiental

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que "a escolla deste punto de vertedura non se fixo con criterios ambientais nin con participación pública, senón que responde a unha política de feitos consumados que ignora tanto a riqueza natural da zona como os intereses do sector pesqueiro e marisqueiro".

A iniciativa nacionalista lembra que no ano 1998 o Ministerio de Fomento habilitou este punto de vertedura sen realizar exposición pública nin contar con informes ambientais accesíbeis, a pesar de que se sitúa dentro dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), a menos de dúas millas da Illa de Sálvora —parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas— e moi perto de caladoiros tradicionais.

"A pesar da súa evidente importancia ecolóxica e económica, ese punto foi utilizado durante anos por Portos do Estado e por Portos da Galiza sen estudos rigorosos nin seguimento dos efectos a medio e longo prazo. Falamos de millóns de metros cúbicos de lodos depositados no fondo mariño sen que se coñezan os seus impactos reais" alerta Néstor Rego.

Rego: “Non queremos un vertedoiro na Ría de Arousa”

“O primeiro que demandamos é que o Goberno do Estado rexeite de maneira clara e rotunda que as rías galegas, e moi especialmente a ría de Arousa, poidan ser empregadas como puntos de depósito de materiais procedentes de dragados portuarios. É absolutamente inadmisíbel que se pretenda converter espazos de alto valor ecolóxico e produtivo en vertedoiros mariños” sinala Rego.

“Tamén exiximos que se denegue, ou se cancele, calquera autorización para empregar a zona próxima á Illa de Sálvora como punto de vertido. Non só é necesario paralizar definitivamente as verteduras nesta área, senón proceder á súa clausura efectiva como punto de depósito” subliña.

“É imprescindíbel realizar un estudo específico e independente sobre a situación actual dese depósito, sobre o impacto ambiental que pode estar a causar nunha zona de enorme valor ecolóxico, pesqueiro e ambiental. Falamos dun espazo dentro dunha ZEPA, no entorno do Parque Nacional das Illas Atlánticas e preto de importantes caladoiros de pesca” engade o deputado nacionalista.

E, por suposto,  evidencia o deputado do BNG no Congreso, cómpre unha avaliación detallada dos impactos que estes sedimentos e lodos poden ter causado sobre os recursos pesqueiros e marisqueiros da zona. O sector leva anos alertando das consecuencias e é hora de escoitalo con rigor e actuar en consecuencia” subliña Rego.

Na súa iniciativa, o BNG advirte tamén sobre a proposta do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), dependente dos ministerios de Transportes e Transición Ecolóxica, que propón de novo como “prioritario” o mesmo punto de vertedura en Sálvora para os residuos da dragaxe do Lérez, que fora rexeitado en 2021 e que o sector pesqueiro vetara con contundencia xa en 2019.

"Non só nos preocupa que se poidan realizar novos vertidos nese punto, senón tamén que o depósito xa existente se manteña sen control nin seguimento. Non podemos consentir que un dos ecosistemas mariños máis ricos da península se converta nun vertedoiro subacuático" remata Rego.