parlamento galego

BNG defende no Parlamento a transferencia de Meirás a Galiza e que non se lle dea “nin un só euro de indemnización” aos Franco

Ana Pontón

Pontón avoga por garantir a titularidade e uso público do Pazo a través dunha xestión compartida para convertelo nun centro de memoria histórica

Aposta por impulsar unha investigación a fondo sobre o espolio levado a cabo no País pola familia do ditador para axudar á súa recuperación

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu as alternativas que o BNG presentou na súa proposta de declaración institucional neste Pleno do Parlamento para o futuro do Pazo de Meirás logo da sentenza do Supremo e que se basean en dúas premisas fundamentais: “Nin un só euro de indemnización á familia Franco e transferir o espazo a Galiza”.

Así o explicou logo da reunión que mantivo en Santiago cos representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, Carlos Babío, Rubén Centeno e Beatriz Parga, aos que trasladou as propostas do Bloque.

“Estamos diante dun gran triunfo, dun triunfo histórico, na recuperación do Pazo de Meirás do que temos que parabenizarnos, pero parécenos unha bofetada á democracia e ás propias vítimas do Franquismo que esa sentenza recoñeza que hai que indemnizar á familia”, afirmou Pontón, quen advertiu que os Franco estiveron desfrutando durante case 50 anos un ben que era de titularidade pública, polo que non deben de ser indemnizados.

“Ao contrario, cremos que é politicamente importante que digamos que nin un só euro á familia Franco”, subliñou. Neste sentido, recordou que en 2017 o Parlamento galego aprobou por unanimidade que o pazo se recuperase sen que isto implicase un novo custo ao pobo galego, dado que xa o asumira en 1938. “En coherencia con esta declaración, esta institución ten que rexeitar de forma rotunda calquera tipo de compensación económica a quen roubou e gozou durante décadas dun ben que era do pobo galego”, incidiu.

Con este obxectivo, considerou fundamental contar coa colaboración dos investigadores e investigadoras e cos colectivos que traballan pola recuperación da memoria democrática, xa que cos seus coñecementos poden aportar argumentos que eviten que os Franco teñan que recibir ningún tipo de indemnización polo pazo.

En segundo lugar, o BNG defende que o espazo debe ser transferido a Galiza para convertelo nun lugar de recuperación da memoria histórica galega. “Hai que garantir a titularidade e uso público do pazo e blindar que teña como función fundamental ser un centro de recuperación da memoria histórica, de difusión de todo o que supuxo o Franquismo e a represión que este trouxo ao noso País, sen esquecer como elemento complementario a súa vinculación coa figura de Emilia Pardo Bazán”, afondou.

A líder nacionalista apostou neste punto por unha xestión compartida na que participen as distintas Administracións implicadas -Concello de Sada, Xunta e Estado- a través dun convenio de colaboración e pola implicación e participación de toda a sociedade galega, particularmente a das entidades de recuperación da memoria democrática e das que estiveron traballando pola recuperación do pazo.

Pontón indicou que “este gran triunfo colectivo” abre a porta a “seguir ganando máis batallas”: “Recuperamos as esculturas do Mestre Mateo, recuperamos o Pazo de Meirás e agora toca recuperar a Casa de Cornide e, así, todos e cada un dos bens espoliados polo Franquismo ao pobo galego”, afirmou.

Nesta liña, avogou por seguir afondando na investigación sobre todo o espolio levado a cabo polos Franco en Galiza para axudar á súa recuperación, desde o convencemento de que, ao igual que a realizada por Carlos Babío foi fundamental para recuperar Meirás, a que se desenvolva sobre outros bens pode “poñer fin á anomalía” de que todo o patrimonio roubado polo ditador siga formando parte do patrimonio particular da súa familia.

Medidas todas elas incluídas na proposta de declaración institucional que o BNG xa trasladou ao resto de grupos parlamentarios “en tempo e forma na pasada Xunta de Portavoces”, sen obter resposta polo momento. “Eu agardo que o resto dos grupos da Cámara, e moi particularmente o Partido Popular, que é experto en romper unanimidades, non poñan un veto e que este Parlamento volva a expresar algo que creo que representa á sociedade galega”, alegou. 

A líder nacionalista atribuíu a recuperación de Meirás á mobilización do pobo galego, unha mobilización que tamén permitiu rescatar as estatuas do Pórtico da Gloria, e na que fixo un recoñecemento explícito ao papel fundamental que xogaron as entidades da memoria histórica. “Sen o seu traballo, hoxe non estariamos aquí, porque houbo determinación, houbo dignidade e houbo tamén estudos rigorosos que permitiron acreditar que este pazo fora roubado”, remarcou.

Tamén neste punto puxo en valor, “con toda a humildade, pero tamén con todo o orgullo” o apoio do BNG, primeiro desde o Goberno galego, declarando BIC o pazo e, despois, desde a Deputación da Coruña, con Goretti Sanmartín como vicepresidenta, promovendo un estudo xurídico que recoñecía o espazo como titularidade pública.

“E tamén quero facer un recoñecemento aos 19 de Meirás, compañeiros e compañeiras que mesmo tiveron que acabar nun xulgado por plantarlle cara a ese Franquismo sen Franco”, salientou, para defender a continuación que “coñecer o pasado é fundamental” á hora de ser estudado e transmitido ás xeracións actuais e futuras.

“Facer este exercicio de memoria é vital para que a mocidade recoñeza o que foi unha ditadura e o que supuxo para a nosa sociedade e, sobre todo, para combater certos discursos que agora se están trasladando como ese de que ‘con Franco viviamos mellor’”, advertiu sobre “unha mentira que só pode dicir alguén que non soubo o significado desa ditadura” e que forma parte da “estratexia de desinformación e de manipulación da xente nova” impulsada pola extrema dereita e por un PP cada vez máis ultra.

Críticas a Rueda pola súa falta de medidas ante os efectos da guerra de Irán

A preguntas dos medios, Pontón avanzou que o BNG vai negociar en Madrid para mellorar o escudo social articulado polo Goberno do Estado ante os efectos da guerra en Irán co obxectivo de ampliar tanto as axudas económicas como todo o que ten que ver á protección da vivenda e criticou a falta de medidas por parte do titular da Xunta, Alfonso Rueda, nun contexto no que, na vez de actuar como presidente dos galegos e das galegas, se limita a “facer de comentarista” sobre o paquete de medidas do Executivo central.

“A min o que me parece preocupante é non poder emitir unha valoración das axudas por parte do Goberno galego nunha situación na que as bombas de Trump acaban repercutindo non só nunha nova guerra senón tamén nos petos das familias do noso País e o presidente Rueda está desaparecido en combate”, denunciou. “Nin unha soa proposta, nin unha soa medida, demostrando que o seu goberno sempre chega tarde ou non chega”, remarcou logo de reprobar a actitude do titular da Xunta.

Pontón confrontou a inacción do Goberno do PP coas alternativas do Bloque, que neste Pleno parlamentario levará un paquete de medidas para facerlle fronte á crise de prezos derivada desta “nova guerra imperialista”. “Eu o que agardo é que o Partido Popular, xa que non ten medidas, polo menos vote a favor das que propoñemos desde o BNG”, concluíu.