BNG defende un orzamento que aposte polos sectores produtivos e a cidadanía fronte ás contas armamentísticas que ofrece a UE
Iniciará unha ofensiva institucional para darlle a volta a unhas contas 2028-2034 que antepoñen os intereses da OTAN e de Trump aos da cidadanía
Pontón critica a euforia armamentística da UE: “Menos cartos para tanques e máis para os nosos agricultores, gandeiros, mariñeiros e mariscadoras”
Miranda avanza a total oposición do Bloque á centralización dos fondos nos Estados: “Suporía un duro golpe para o autogoberno de Galiza”
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada Ana Miranda explicaron en rolda de prensa a posición do BNG a favor dun orzamento europeo que aposte polos sectores produtivos galegos e a cidadanía fronte ás contas presentadas pola Comisión Europea para o período 2028-2034 que son un “mazazo” para os sector agrogandeiro e pesqueiro do País e pura “euforia armamentística”.
Un “recortazo” para as miles de familias que viven directamente do agro e do mar, remarcou Pontón, quen reclamou “menos cartos para tanques e bombas e máis cartos para os gandeiros e agricultores, para os mariñeiros e mariscadoras e tamén para mellorar as condicións da vida da xente, que é para o que deben de servir os recursos de calquera Administración Pública”, subliñou.
A líder nacionalista advertiu neste sentido que este proxecto de orzamento europeo é consecuencia de “poñer os intereses da OTAN e de Trump por riba dos intereses da cidadanía” e implican, como vén denunciando o Bloque desde hai moito tempo, que “máis gasto militar significa recortes sociais”.
“A proposta orzamentaria presentada pola Comisión Europea atópase más preto de ser un orzamento de guerra que dun orzamento onde se prioricen as necesidades das persoas que van desde o acceso á vivenda a un emprego digno ou a ter servizos públicos de calidade”, denunciou.
Pontón debullou as principais liñas orzamentarias presentadas pola Comisión e criticou o recorte do 30% dos fondos para a Política Agraria Común (PAC) e que implica menos recursos para os produtores galegos, para financiar a modernización do agro, para a incorporación de xente moza ou para poder manter un rural vivo e produtivo.
Recorte que cualificou de “brutal” no caso do Fondo Marítimo de Pesca e Agricultura, que perdería 4.100 millóns de euros, unha “auténtica barbaridade” para unha nación pesqueira como Galiza e que xa sufriu sucesivos recortes durante moito tempo.
Ademais destes recortes en sectores clave, Pontón apuntou outra “cuestión esencial que é moi prexudicial para Galiza” que é a proposta da Comisión de quitarlle voz e capacidade ás comunidades autónomas para centralizar no Estado a xestión de fondos tan importantes como os de cohesión, o Fondo Social e até os da PAC, tal e como fixo a UE cos fondos Next Generation.
“Total oposición do BNG á centralización nos Estados deses fondos europeos que até agora viñan sendo xestionados polas comunidades autónomas”, recalcou, para defender a continuación precisamente o contrario, que Galiza dispoña de maior capacidade para decidir sobre eses fondos e acometer os investimentos que mellor se adapten ás necesidades do País.
Por todo isto, Pontón apelou a empregar os dous anos que se dá agora a UE antes de aprobar esta proposta de orzamento para “negociar e pelexar” tanto en Galiza, como ante o Estado e a Unión Europea para darlle a volta a unhas contas máis vinculadas “cunha economía de guerra que preocupada pola economía real das persoas”.
Nesta liña, avanzou que o Bloque vai a comezar xa a facelo, en primeiro lugar, iniciando unha rolda de contactos cos colectivos dos sectores económicos máis afectados, o pesqueiro, o marisqueiro e o agrogandeiro, mais tamén co terceiro sector, en relación aos fondos de cohesión social. “Será desde xa unha prioridade no vindeiro curso político”, remarcou.
En segundo lugar, a organización nacionalista levará ao Parlamento galego unha “proposta en clave de país” para defender os intereses de Galiza fronte aos recortes deste “orzamento de guerra” presentado desde unhas institucións europeas que, lembrou, “son tamén resultado dos acordos entre o Partido Popular e o Partido Socialista, porque aí están representados”.
E, en terceiro lugar, o BNG defenderá esta posición galega utilizando a súa representación en todas as institucións, tanto no Parlamento galego, como no Congreso e no Senado e no Parlamento europeo.
“Non podemos permitir que se consoliden uns orzamentos que van directamente en contra de sectores que son estratéxicos na nosa economía e que vemos que queren sacrificar única e exclusivamente porque temos unha Unión Europea subordinada aos intereses de Trump e da OTAN”, sintetizou.
Unha ofensiva institucional na que afondou a eurodeputada Ana Miranda, quen avanzou que o Bloque intensificará a súa actividade neste sentido no Parlamento europeo “para esixir que Galiza conte, que se teña en conta a nosa situación e a alta dependencia dos sectores produtivos, como o agrario e o pesqueiro, no que se da un auténtico despropósito de recortes de fondos”.
Miranda recalcou que o primeiro bosquexo do futuro orzamento da UE para o período 2028-2034 presentado o 16 de xullo pola Comisión quintuplica o gasto militar e aplica importantes recortes nos fondos europeos.
Neste sentido, explicou respecto ao novo Regulamento do fondo de Pesca que aparece absorbido dentro da PAC e non ten orzamento asignado, mais que segundo sinalou Von der Leyen contará con 2.000 millóns de euros. “É un desastre para o noso País: Inseguridade para a pesca e o marisqueo galegos. Bruxelas non ten en conta a pesca galega, impórtalles tan pouco que nin sequera fixeron o cálculo, que desleixo! Nós desenvolveremos unha ofensiva política para trasladar as prioridades do sector pesqueiro”, subliñou.
No tocante á PAC, a eurodeputada do BNG denunciou que o recorte dun 30% na PAC apuntado por Pontón supón rebaixar os 378.000 millóns de euros do período actual a 300.000 no seguinte período, o que implicaría un recorte drástico para Galiza. “Por exemplo, no ano pasado de 224 millóns, aplicando esta reducións, quedarían en 67 millóns menos para os nosos gandeiros e gandeiras e o noso agro”, exemplificou.
A centralización dos fondos é outros dos aspectos nos que tamén afondou Miranda, advertindo que a proposta da Comisión Europea pasa pola centralización do control e xestión dos fondos de tipo rexional en Plans Estatais, con 27 fondos estatais, centralizados nos distintos Ministerios e sobre todo no Ministerio de Facenda. “Estamos en contra dunha concentración de poder tanto en Bruxelas como en Madrid”, subliñou ao tempo que alertou de que “quen goberne no 2027, pode centralizar así todos a política económica das autonomías e seria un duro golpe para o noso autogoberno”.
A eurodeputada galega tamén alertou do risco da conexión ferroviaria entre Galiza e o norte de Portugal debido á reorientación dos fondos de cara á defensa mediante a creación dun megafondo que aglutine innovación, educación e industria: o fondo de Competividade, que será de xestión directa desde Bruxelas e que incluiría o fondo de transporte Connecting Europe.
“Rexeitamos este orzamento e traballaremos moi a fondo, nestes dous anos de negociación, para que Galiza reciba máis fondos. Como eurodeputada galega do BNG, como única galega na Comisión de Política Rexional e Cohesión, terei voz directa para trasladar a nosa realidade e que non se recorte”, manifestou Miranda, quen subliñou para concluír que como eurodeputada galega defenderá “un orzamento xusto para Galiza”.