BNG defende un modelo de financiamento propio para a Galiza baseado no concerto económico
Carme da Silva exixe negociación bilateral Galiza-Estado para rachar co centralismo e acadar un “concerto económico, autonomía, control e responsabilidade financeira e fiscal”
A senadora do BNG, a Rueda: “ten que decidir se exerce como Presidente do goberno galego ou seguir de monicreque de Xénova”
A senadora do BNG, Carme da Silva, defende na cámara alta a necesidade de que a Galiza se dote dun novo sistema de financiamento -baseado no concerto económico- que deixe atrás o réxime común que prexudica gravemente os galegos e galegas. Da Silva reclama aproveitar o actual contexto para rachar co centralismo asfixiante que limita a capacidade da Galiza de exercer as competencias propias e mellorar a vida dos galegos e galegas a través de máis servizos públicos e políticas públicas de vivenda ou emprego, exemplifica.
O sistema de financiamento vixente das Comunidades Autónomas do réxime común é ineficaz, ineficiente e intencionadamente opaco e complexo. “A Galiza drena recursos cara ao Estado ano tras ano e pretenden trasladar que somos un País subsidiario que vive da xenerosidade madrileña: é totalmente falso” afirma a senadora do BNG durante a súa intervención na cámara alta.
Segundo o Consello de Contas, co actual modelo, a Galiza ten un déficit de financiamento de “máis de 1.500 millóns de euros anuais”. De facto, desde 2009, a Galiza perdeu 18.000 millóns de euros.
Un novo modelo para a Galiza baseado no concerto
A senadora nacionalista aproveitou o debate político actual a nivel estatal para sinalar a necesidade de que a Galiza “rache co centralismo asfixiante que limita a súa capacidade para exercer as súas competencias e fai perder miles de millóns de euros cada ano”.
“É imprescindíbel para a Galiza unha negociación bilateral co Estado para dotármonos dun sistema que nos permita ter o control sobre os nosos recursos. Sobre os ingresos e sobre os gastos. Un concerto económico, autonomía, control e responsabilidade financeira e fiscal” resume Carme da Silva.
“Que fará o Presidente da Xunta de Galiza?” Ten dúas opcións
Neste contexto, a senadora do BNG sinala as dúas opcións que ten o Presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda: “ou exercer de verdadeiro presidente da Galiza ou seguir de monicreque de Xénova”.
Seguir sometido o Partido Popular máis reaccionario e centralista e aceptar que os galegos e galegas continúen a perder dereitos e recursos ou rectificar e “aproveitar a oportunidade do debate de financiamento aberto para negociar un sistema que dea a Galiza a chave dos seus cartos”.
“Galiza non pode ser a única nación histórica que fique atrás para obter máis recursos para educación, sanidade ou dependencia. O Goberno galego non pode ser cómplice de que a Galiza vexa rebaixado o seu status de nación no Estado” defende a senadora nacionalista.
“Se non cuestionan onde está vixente o sistema de concerto, por que llo negan á Galiza?” pregunta Carme da Silva, quen chama a romper o relato falso de que Madrid é solidaria cando en realidade é “un burato negro que espolia os recursos da Galiza”.