BNG defende máis medios e persoal para a inspección de traballo e transferir as competencias á Galiza

Carme da Silva

Da Silva Méndez urxe o Secretario de Estado de Traballo a aumentar os medios materiais e humanos de inspección na Galiza e colaborar coa Xunta en materia de prevención

A senadora do BNG defende ante o Ministerio de Traballo transferir as competencias en materia de inspección á Galiza

Co obxectivo de frear e reverter os datos de accidentes e sinistros laborais na Galiza, a senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, demanda ao Secretario de Estado de Traballo medidas concretas –como o aumento de medios e persoal- na inspección de traballo na Galiza. Do mesmo xeito, a organización nacionalista propón a transferencia das competencias nesta materia á Xunta de Galiza, acompañada dos recursos suficientes, para atender as graves eivas do sistema e defende a colaboración entre administracións para garantir medidas na prevención e o control.

“A Galiza é o terceiro territorio con máis mortalidade por accidentes laborais” enuncia a senadora do BNG durante a pregunta realizada ao Secretario de Estado de Traballo na Comisión da cámara alta. Unhas cifras que preocupan ao BNG e sinala a insuficiencia de medios na Inspección de Traballo e Seguranza Social na Galiza

“Urxe que o Ministerio incremente os medios, tanto persoais como materiais, da Inspección de Traballo na Galiza para que se poidan desenvolver todas as actuacións precisas neste momento” afirma Da Silva Méndez. A senadora do BNG recorda que “moitas das cuestións ás que fai referencia a Seguranza laboral é da Xunta de Galiza”, sobre todo en materia de prevención, mais sinala a necesidade de que o Goberno do Estado asuma a súa responsabilidade.

Así mesmo, o BNG defende ante o Secretario de Estado de Traballo a necesidade de que se transfiran á Galiza as competencias en materia de Inspección de Traballo, incluíndo funcións, servizos e xestión, co fin de adaptar a súa organización e estrutura á realidade laboral galega. Para a senadora nacionalista, a xestión directa permitiría unha maior proximidade, coñecemento do territorio e a capacidade de resposta ante as problemáticas específicas do mercado de traballo galego.