BNG apoia a iniciativa popular da CIG para crear un sistema público que integre os servizos de coidados das persoas

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil apelou a integrar na rede os centros de día, residencias, centros de discapacidade, SAF e  xantar na casa e lamentou que o Partido popular anunciara o voto en contra á proposta

A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu a proposición non de lei, promovida pola CIG e  avalada por máis de 15 mil sinaturas, para crear un  “sistema público que integre nunha única rede os distintos servizo de atención ás persoas: centros de día, residencias, centros de discapacidade, o SAF ou o Xantar”.

A parlamentaria, tras saudar ao secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a secretaria de organización, Susana Méndez, acompañados de compañeiras e compañeiras da  Confederación Intersindical Galega que presenciaron o debate dende a tribuna do público, lembrou que a proposta superou “seis veces” as sinaturas exixidas legalmente para impulsar un debate na Cámara sobre os dereitos sociais dunha parte fundamental de Galiza, “as persoas maiores, dependentes e con discapacidade”.

Na súa intervención, Rodil lembrou que despois de dous anos de pandemia constatamos as súas consecuencias e de maneira especial, sobre as persoas máis vulnerables. “Vimos como a pandemia poñía todo pernas para arriba” e se converteu nun azoute para o precariísimo sistema de coidados.

Segundo os últimos datos  de decembro de 2021,explicou,  das 65 mil persoas con algún grao de dependencia recoñecida en Galiza o 32% son usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, SAF (24.636), o 19% ten unha prestación para coidados familiares (15.263) e o 13% unha P.E vinculada a servizo (10.129) é dicir, reciben “unha prestación económica que ten como finalidade contribuír ao financiamento do custe dun servizo, prestado por un centro ou entidade privada, debidamente autorizada, cando non é posíbel o acceso a un servizo da rede pública”.

Aínda que a Lei de dependencia foi aprobada   hai 16 anos e  prioriza o acceso a servizos antes que calquera prestación económica, a realidade vai en sentido contrario, e de feito,  os  últimos informes dos Ademais, reflicten un “grao enorme” de privatización, coa  a maior parte do diñeiro público, en materia de dependencia, destinado á empresa privada.

 Quen coida? Quen traballa nos centros de día, residencias, no SAF…? E en que condicións o fai? preguntou a nacionalista para responder que “son mulleres precarias” como as traballadoras do SAF cun convenio caducado dende o ano 2012, empresas que non pagan o custe dos desprazamentos aos domicilios e  falta de recursos materiais como  grúas para erguer a persoas encamadas ou baños adaptados.

Lembremos que a asignación de horas aos concellos, a intensidade horaria que reciben as persoas usuarias, a valoración do grao de dependencia, a asignación de recursos en función das necesidades e dereitos recoñecidos… depende da Xunta de Galiza que ademais financia a maior parte do servizo pero a xestión do persoal (directa ou privatizada) o control da prestación do propio servizo corresponde aos servizos municipais. En moitos concellos, especialmente os máis pequenos, non teñen nin os recursos humanos para facelo: “concello medio de Lugo e Ourense, con menos de 6.000 habitantes, teñen unha traballadora social para facer todo”.

Ter unha vida en condicións dignas cando nos facemos máis vellas ou cando temos unha discapacidade e precisamos de apoios para poder erguernos, ducharnos, vestirnos, comer… “é un dereito,  e debe existir un sistema público forte que proporcione os servizos necesarios para garantilo”.

Neste sentido, defendemos construír  “un verdadeiro sistema de coidados forte e público que garanta dereitos de maneira real e efectiva”.

A deputada lamentou que o portavoz popular , Alberto Pazos Couñago anunciara o voto en contra do Partido popular á proposta impulsada pola CIG e defendida polo BNG para crear  un “sistema público no noso país que integre nunha única rede os distintos servizo de atención ás persoas”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG