BNG defende aproveitar as infraestruturas ferroviarias existentes en Barro para dar servizo á veciñanza
Da Silva Méndez: “É hora de que o Goberno do Estado a poña en uso con frecuencias e horarios adaptados á realidade da veciñanza”
Fernández Abraldes afirma que a estación da Portela debe ter un papel importante no servizo de proximidade ferroviaria para que a veciñanza poida empregalo
O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado poñer en uso a estación de ferrocarril da Portela, en Barro, co obxectivo de garantir a mobilidade da veciñanza deste concello e a súa área de influencia implantando un servizo de proximidade ferroviaria con frecuencias e horarios adaptados ás necesidades da persoas. A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, defenden aproveitar as infraestruturas existentes para dar servizo á cidadanía.
“Ter a posibilidade de utilizar o ferrocarril como medio de transporte é optar por unha opción moi respectuosa co medio ambiente e, ao mesmo tempo, facilita unha comunicación moito máis axeitada e adecuada entre as distintas poboacións” sinala o alcalde do Concello de Barro.
Neste sentido, Xosé Manuel Fernández Abraldes evidencia que o termo municipal de Barro xa conta cunha estación de ferrocarril mais apunta a que, na actualidade, a veciñanza non pode utilizar esta infraestrutura na súa vida diaria.
“Entendemos que nese necesario servizo de proximidade ferroviaria a estación da Portela debe ter un papel importante para que a veciñanza poida utilizalo, a través de horarios e frecuencias que resulten atractivos para o seu uso” afirma Abraldes.
Pola súa parte, Carme da Silva Méndez asegura que o ferrocarril “é o medio de transporte do futuro” mais que este medio “debe garantir a mobilidade da veciñanza de Barro e a súa área de influencia”, sendo “empregado a diario para cuestións vitais como para ir traballar, ir estudar, acudir a servizos médicos e hospitalarios ou mesmo para trámites administrativos”.
“Existindo xa esta infraestrutura, é hora de que o Goberno do Estado a poña en uso con frecuencias e horarios adaptados á realidade da veciñanza” defende a senadora do BNG, recordando o compromiso do Goberno –polo Acordo de Investidura conseguido pola organización nacionalista- de implantar nesta lexislatura o servizo de proximidade ferroviaria na Galiza.
“Un servizo de proximidade ferroviaria é imprescindíbel para a futura mobilidade da Galiza porque melloraría a calidade de vida dos galegos e das galegas, redundaría no seu dereito á mobilidade e contribuiríase á descarbonización que nestes tempos se está a ver fundamental para garantir a mobilidade do futuro” sentenza Da Silva Méndez.