BNG defende no 1º de maio “paz e dereitos” para a clase traballadora frente ás políticas neoliberais e belicistas
Con motivo do 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende a necesidade de reclamar “emprego digno, dereitos e paz” como resposta urxente frente á escalada belicista, o aumento do gasto militar en detrimento das políticas sociais e a falta de avances claros en dereitos sociais e laborais.
Rego participa en Vigo na mobilización da Confederación Intersindical Galega (CIG) coa comitiva da formación nacionalista integrada, entre outras persoas, polo portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, as deputadas no Parlamento de Galiza -Alexandra Fernández, Carmela González, Brais Ruanova e Paulo Ríos `Kai´-, así como militantes e simpatizantes da organización.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que “vivimos un momento de fonda crise sistémica, onde o capital intensifica a súa ofensiva contra os dereitos sociais e laborais das maiorías sociais, ao tempo que aposta por unha perigosa escalada militarista promovida polos centros de poder imperialistas, cos Estados Unidos de América á cabeza e coa complicidade da Unión Europea”.
“Os Estados membros da OTAN, entre eles o Estado español, asumen como propia a estratexia de guerra e de aumento do gasto militar á custa de recortar políticas sociais, servizos públicos e empobrecer a clase traballadora” afirma Rego. “É inaceptábel que mentres aumentan as necesidades sociais e a precariedade laboral, o Goberno do Estado decida aumentar de forma exponencial o gasto militar, o que diminuirá os recursos, de forma directa ou indirecta, para políticas sociais como sanidade, educación, pensións ou a creación de emprego” denuncia.
Para o BNG isto é máis grave cando a Galiza está a sufrir unha crise industrial xa cronificada e non se están a producir avances claros na recuperación de dereitos sociais e laborais. “O Goberno de PSOE-Sumar continúa sen derrogar os elementos máis lesivos da reforma laboral do PP de 2012, a introducir recortes nas pensións, a non cumprir coa Carta Social europea canto a situar o SMI en 60% do salario medio ou a demorar e limitar a redución da xornada laboral”, denuncia Rego.
O deputado nacionalista lembra que o BNG ten rexistrado unha Proposición de Lei no Congreso para reducir a xornada laboral a 35 horas semanais, na liña do que xa está en vigor en países como Francia ou Alemaña. “A redución non pode ficar nunha medida cosmética e limitada, senón que debe representar de verdade un avance nos dereitos laborais e de conciliación, mesmo no horizonte da xornada de 32 horas semanais”, salienta Rego.
O deputado nacionalista subliña tamén a responsabilidade do goberno galego do Partido Popular, que “segue aplicando políticas que destrúen emprego, desmantelan servizos públicos e permiten o espolio dos nosos recursos naturais sen reverter beneficio ningún para Galiza”.
Galiza necesita soberanía para garantir traballo e futuro
“Temos dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra. Por iso, a soberanía nacional é unha ferramenta imprescindíbel para garantir un modelo económico xusto, con emprego digno e con servizos públicos fortes ao servizo da maioría social” sinala Rego.
Neste sentido, o deputado destaca que “a desertización industrial de comarcas enteiras, o abandono das zonas rurais e a emigración da mocidade galega son consecuencia directa dun modelo económico imposto desde Madrid e Bruxelas, que a trata a Galiza como unha colonia”.
Contra a guerra, por unha Galiza en paz e con dereitos
O BNG tamén denuncia o papel da Unión Europea e o Estado español, “cada vez máis submisos aos intereses dos EUA e do complexo militar-industrial, e cada vez máis afastada dun proxecto de xustiza social, igualdade e respecto á soberanía dos pobos”.
“Necesitamos un novo marco de relacións internacionais baseado na cooperación, na solidariedade e na paz. Reclamamos o dereito dos pobos a decidir libremente o seu futuro, sen imposicións nin explotación. Por iso, neste 1 de maio o BNG ergue a súa voz por unha Galiza con traballo, con dereitos e sen guerras” conclúe Néstor Rego.