O BNG critica que a Xunta manteña o recorte no servizo de pediatría en Zas ignorando a nais e pais

Montse Prado

Montse Prado tamén recriminou o maltrato ás persoas integradas na plataforma Zas sen recortes que pretendían falar con Feixóo nunha visita ao concello

O BNG trasladou ao Parlamento o recorte do 50% no servizo de pediatría no Concello de Zas que supón un prexuízo para os 334 nenos e nenas deste municipio, de tal xeito que desde o pasado xuño os pais e nais que precisan levar ao seus fill@s ao pediatra fora do horario recortado deben desprazarse até Vimianzo, Camariñas ou até o Hospital de Cee.

A esta redución nas horas de atención súmase o feito de que non se cobren as ausencias no servizo de pediatría.

Como consecuencias: “Empeora a calidade asistencial pediátrica aos nenos e nenas do concello, -por exemplo xa se reduciron as revisións aos menores de dous anos por falta de tempo-, recorridos longos para ser atendidos e atención por facultativos non especializados”, indicou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado.

Os recortes do PP tamén teñen efectos negativos en termos económicos, pois deben asumir o custe dos desprazamentos, e de conciliación laboral para as familias.

“A saúde é un dereito fundamental e non hai asistencia sanitaria sen profesionais suficientes que a presten”, salientou Prado, na pregunta en pleno ao titular de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a quen criticou que non aportara concreción algunha. “Como sempre ven aquí a falar do seu libro”, ironizou.

Prado tamén denunciou que pais e nais “non están recibindo resposta por parte da Consellería e séntense enganados pois prometéronlles un protocolo para saber como actuar diante dunha urxencia fora do horario de consulta e seguen agardando por el. Por que non trasladan por escrito ao centro de saúde de Zas o protocolo?”, interpelou a deputada.

A parlamentaria nacionalista aproveitou para criticar o trato “indigno” que as persoas da plataforma Zas sen recortes recibiron o 21 de febreiro na visita do presidente da Xunta ao municipio. “Foron custodiad@s na praza do concello e só se lles permitiu o desprazamento baixo vixilancia, ademais de ser fotografados por escoltas do presidente como se de delincuentes se tratara cando só pretendían trasladar o problema”, argumentou Prado.

A deputada demandou de Almuíña que “atenda dunha vez” as demandas dos pais e das nais, que estiveron representados no Pleno do Parlamento por unha delegación da plataforma Zas sen recortes acompañados do rexedor nacionalista, José Muíños.

Prado deixou claro ante o conselleiro que os recortes son consecuencia das políticas do PP que deterioran o servizo sanitario como comproban en Zas, pero que tamén é extensivo a outros municipios da Costa da Morte como Camariñas, Coristanco, Dumbría, Malpica, Muxía, Val do Dubra, Mazaricos, Cee, todos con problemas para que os menores reciban atención pediátrica de calidade.