BNG critica o retraso da ampliación do Polígono industrial de Bértoa que incidiu negativamente na implantación de novas empresas e freou a xeración de emprego

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez  afirma que a demora da ampliación impediu a instalacións de empresas por falta de parcelas e propuxo recalificar as fincas F1 e F2 como medida provisional para ofertar solo durante a execución da ampliación

O parlamentario do BNG, Daniel Pérez formulou unha pregunta ao goberno sobre á ampliación do Polígono Industrial de Bértoa, no concello de Carballo e as   previsións temporais de remate como demandan, dende hai anos, a Xerencia e sector empresarial.

Na súa intervención explicou que o parque foi planificado polo goberno Bipartito no ano 2011 e criticou que durante todos estes anos non foron  implantados diferentes proxectos “por falta de solo empresarial”.

Tras a resposta do director xeral do Instituto da Vivenda, Heriberto García, o deputado do BNG asegurou que a información publicada hoxe  nos medios de comunicación sobre a adxudicación da redacción do proxecto para ampliar o polígono industrial de Carballo, representa unha “boa nova” para  as comarcas de Bergantiños e a Costa da Morte pero criticou que esta adxudicación “tardara tanto tempo”, a pesar de ser unha demanda  amplamente reclamada polo empresariado e o propio concello dende hai anos.

O nacionalista lembrou que o BNG presentou unha iniciativa en decembro do ano 2020 tras a que foi anunciada unha ampliación a través da licitación do proxecto no ano  2021 como data estimada. Agora constatamos, dixo que o anuncio tardou sete meses para a licitación e, “un ano despois do anuncio, adxudícase de maneira definitiva o proxecto”. A empresa adxudicataria disporá de nove meses que poden ser ampliables a nove máis. En opinión do deputado, “un ano de retraso” supuxo un “importante custe para as empresas que non puideron instalarse no polígono de Bértoa ante a  falta de parcelas dispoñibles”.

O retraso, recalcou Daniel Pérez, tamén incidiu negativamente na xeración de emprego en Carballo e a súa comarca. Agora estamos ante unha licitación que pode prolongarse 18 meses. Segundo soubemos, aseverou, a Xunta ten a previsión de enviar o proxecto a Xestur no mes de outubro deste ano, e dicir, catro meses e comezar co inicio das obras de ampliación a  principios do ano que ven. Neste sentido, volveu a preguntar polas previsións temporais da Xunta sobre o proxecto na súa terceira fase.

O deputado salientou que o parque de Bértoa constitúe xunto, ao polígono de a Laracha e Arteixo, “un  eixo industrial de gran dinamismo” que sen dúbida será potenciado se hai unha “aposta decidida” pola conexión ferroviaria con punta Langosteira, de aí, remarcou o deputado, o noso interese na ampliación do polígono e a materialización da “circunvalación” que desviaría o tráfico pesado do centro do pobo e a zona escolar e deportiva e facilitaría “a saída  dos transportes do polígono cara a Santiago e o  sur de Galiza”.

A pregunta que se fan moitas empresarias e empresarios de Carballo é porque a ampliación do polígono industrial leva tanto retraso se pode converterse nun auténtico motor económico para Carballo, a súa comarca e para a Costa da Morte?

“Sería importante que nos transmitise unha estimación temporal de cando disporemos de solo industrial para que as empresas interesadas poidan facer as súas  previsións  de instalación  en Carballo porque este polígono cumpre cos servicios e subministros necesarios para a actividade produtiva e comercial e a comunidade de propietarios melloran día a día estes elementos posibilitando a adaptación a novas necesidades empresariais. “Conta cun viveiro de empresas que favorecen o emprendemento,  un punto limpo  de titularidade municipal que minimiza o impacto da actividade empresarial, aparcamentos gratuítos e zonas habilitadas para camións e vehículos pesados, sistema gratuíto de correo e mensaxería interna, zonas verdes, ocio, hostalaría, unha gasolineira e un parque de bombeiros”.

Finalmente, o deputado preguntou ao titular de Vivenda e solo cando será efectivo o cambio de clasificación das fincas F1 e F2 que xeraría unha solución á falta de solo e a posibilidade de ofertar algunhas parcelas “mentres non se executa a ampliación”. A Xunta comunicou á Xerencia do polígono de Bértoa que esta recalificación estaría aprobada no mes de xaneiro pero a día de hoxe, continúa pendente, concluíu o deputado do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG