Parlamento Europeo

BNG critica que o PP impulse desde a Comisión Europea a centralización dos fondos europeos

Ana Miranda fondos europeos2
Ana Miranda denuncia as consecuencias negativas para Galiza dos novos orzamentos da UE, cun forte risco de perda de autogoberno

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, critica que o Partido Popular dea “pasos de xigante” desde a Comisión Europea na centralización dos fondos europeos para o vindeiro período 2028-2034. “Atopámonos que a centralización dos fondos é un dos maiores riscos nas novas propostas da Comisión Europea, cun grave perigo para Galiza xa que non poderá xestionar os seus propios cartos en sectores fundamentais”, alerta Miranda.

A eurodeputada galega considera que este risco de centralización está presente no National Regional Partnership Plans (NRPP) ou Plans de Partenariado Nacionais e Rexionais, presentado recentemente pola Comisión Europea como parte fundamental do Marco Financeiro Plurianual (MFP) correspondente ao período 2028-2034. Este novo orzamento NRPP concentra os actuais fondos de cohesión (FEDER), social (FSE), agricultura (FEADER), pesca (FEMP) e Interreg.

Segundo defendeu Ana Miranda tras participar nunha protesta en Bruxelas contra a centralización dos fondos, os orzamentos da UE para o vindeiro período son “tremendamente nocivos para Galiza”, xa que a proposta é un “claro risco para o financiamento do noso autogoberno”. “Desde o BNG non podemos admitir esta centralización dos fondos que non permitiría que Galiza xestione os seus propios cartos para sectores fundamentais”, denuncia. Ao respecto sinala que esa tendencia á renacionalización e centralización dos programas está baseada no modelo de execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Dobre discurso do PP

“Con este modelo que impulsa o PP, Galiza pode resultar moi penalizada e temos que pelexar para que se mude a proposta en beneficio territorial e social", subliña a eurodeputada do Bloque, quen acusa ao Partido Popular de manter un dobre discurso, un en Bruxelas de impulsar a recentralización dos fondos e outro en Galiza criticando esa centralización.

“A falta de lealdade con Galiza do Partido Popular é un escándalo. Non lles importa o máis mínimo poñer en marcha propostas lesivas para o noso país e dicir en Bruxelas unha cousa e en Galiza outra”, denuncia a eurodeputada galega, quen ademais critica que os orzamentos europeos multipliquen o gasto en defensa en detrimento de fondos para pesca, por exemplo. “No BNG, como forza internacionalista e pacifista nunca imos apoiar que se priorice o gasto militar en lugar de dar resposta aos problemas da xente”, salienta.