parlamento galego

BNG critica o non do PP a protexer a capela do Cotillón, na Ribeira Sacra, para evitar que sexa vendida a particulares

Iago Suárez
O deputado da comarca, Iago Suárez, advertiu que unha das maiores xoias do noso patrimonio e da nosa historia está á venda nunha inmobiliaria 

O deputado do BNG por Lugo Sur, Iago Suárez, lamentou que o PP, unha vez máis, vote en contra da conservación do “riquísimo” patrimonio da Ribeira Sacra, ao negarse, desta volta, a protexer a capela do Cotillón no prazo de un mes coa fin de evitar que sexa vendida a particulares.

“Unha das maiores xoias do noso patrimonio e da nosa historia colectiva como galegas e galegos, pódese comprar”, advertiu, despois de apuntar a existencia dun anuncio publicado en redes na que unha inmobiliaria de Vigo animaba con este argumento a mercala: "Mírame bien. Lo que estás apunto de ver es historia pura, esta casa esconde algo que no debería estar a la venta, pero lo está: un eremitorio paleocristiano". “Urxe que a Xunta actúe xa!”, apremiou o deputado nacionalista, advertindo: “quen lle di a vostede que non se vai intervir sobre a rocha?”

Na súa intervención na Comisión de Cultura, Suárez defendeu as cualidades desta cova artificial escavada nunha rocha das ribeiras do río Cabe ao seu paso por Pantón, destacando que se trata dunha cova rupestre que data de, alomenos, o  séculos V ou VII.  A cova ten planta de cruz latina e os seus vestixios visibles apuntan unha orixe paleocristiá e, con certeza, da alta Idade Media, coincidente con primeiros asentamentos monásticos na Ribera Sacra.

Segundo indicou, a cova descubriuse publicamente no 1997 e era usada como adega , despois de que o propietario construíse unha casa sobre a propia cova.  “De se confirmaren as hipóteses das persoas expertas, poderiamos estar ante a primeira pegada do cristianismo rexistrada na Peninsula Ibérica”, afirmou, advertindo que nos encontramos ante “unha xoia, das máis destacadas e das moitas marabillas que hai na Ribeira Sacra”.  

A este respecto, o deputado nacionalista recordou as varias veces que o BNG trouxo ao Parlamento propostas de defensa do Patrimonio da Ribeira Sacra, con casos como  A casa de torno do Saviñao, A capela de Guadalupe en San Vitorio de Ribas de Miño, A Torre de arcos e o Pazo de Suatorre en Chantada, O pazo de Vilar de Taboada ou o túnel Romano de Montefurado en Quiroga, entre outros.

“Todas e cada unha das veces co voto negativo do PP”, recriminou, para recoñecer a continuación que non lle importaría que o PP trouxese aquí estes casos. “Contarían co noso voto afirmativo. Pero como tampouco é o caso, desde o BNG insistimos”, ironizou.

A iniciativa do BNG, que foi rexeitada polos votos en contra do PP, reclamaba incoar no prazo de un mes a declaración da Capela do Cotillón como Ben de Interese Cultural,  tomar as medidas necesarias no ámbito competencial da Xunta de Galiza para impedir a súa venda e que sexa, por tanto, propiedade privada e, por último, pór en marcha todas as medidas que sexan necesarias para protexer a capela e pór en valor o espazo no que se localiza.