BNG critica a intención do Goberno de Rueda de crear “ghetos” para menores migrantes non acompañados
A portavoz de infancia do BNG, Ariadna Fernández, critica o Goberno de Rueda por crear “ghetos” para os nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados, e acusou o PP de usar o seu sufrimento como arma de confrontación política partidista. Fíxoo despois de que a Consellería de Fabiola García anunciase onte que está buscando localizacións para acoller os cinco menores migrantes que trasladará a Galiza o Goberno central.
“É indecente e inhumano” que o Goberno do PP na Xunta fale de “ghetos” ou “trágalas” referíndose á chegada destes nenos. Advertiu que “é responsabilidade da Xunta ofrecer atención e coidado con todas as garantías a estes nenos e nenas que veñen de situacións de miseria, escapando de conflitos bélicos, escapando de situacións de abusos terribles e precisan da nosa axuda”, afirmou.
Acusa o PP de querer sacar réditos políticos coa situación destes menores. “En lugar de actuar con responsabilidade e solidariedade, o Goberno galego continúa a defender os seus intereses partidistas, baixo o ditame do seu líder Feijóo, sen importarlle o futuro dos nenos, nenas e adolescentes que nestes momentos precisan axuda e que chegan escapando da miseria, dos conflitos bélicos, dos abusos e o desleixo”, subliñou.
Para o BNG, estes menores deben ter a atención que precisan con todas as garantías dentro do sistema de protección á infancia do que dispón Galiza, sen exclusións de ningún tipo. A portavoz de Infancia do BNG recalca que o Goberno do PP “sabe desde hai meses da chegada destes menores” pero que, en vez de aportar recursos de protección, a consellería non fixo máis que tirar balóns fóra e queixarse.
Lembra que o sistema de acollida leva moito tempo sobresaturado e infradotado, tal e como recoñeceu a propia Consellería de Política Social. “No canto de actuar coma un goberno solvente e reforzalo, agora avisan de que a pasada semana comezaron con contactos para buscar localizacións específicas para estes nenos e nenas, falando de que o sistema inclusivo e integrador romperá”. Declaracións que considera “moi graves” e que son resultado “dunha incompetencia evidente” na xestión por parte do Goberno do PP na Xunta.
Fernández apela á “responsabilidade e humanidade” respectando os dereitos das persoas e tratando de minimizar o seu sufrimento, se queren “representar os galegos e galegas, que somos un pobo solidario que sabe o que é ter que deixar o teu fogar para sobrevivir ou para buscar un futuro mellor”, concluíu.