Parlamento Galego

BNG critica a falta de respostas por parte da Consellería respecto a crise do marisqueo na ría de Camariñas

Óscar Insua

A Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro evita contestar ás preguntas formuladas por Óscar Insua, que rexeita empregar o seu tempo de réplica ante o “baleiro absoluto” de información

Non contestou á pregunta clara e precisa formulada polo deputado "se as mariscadoras van ter algún ingreso do ISM neste Nadal"

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Oscar Insua, levou hoxe á Comisión 8ª Pesca e Marisqueo a crítica situación de inactividade total do sector marisqueiro en Camariñas, unha crise que cualificou de “desesperante” e “sen precedentes” pola falta de recursos, de solucións e de apoio por parte da Consellería do Mar.

Insua lembrou que os intentos de recuperación dos bancos marisqueiros “resultaron fallidos”, deixando ao colectivo nunha situación límite, sen ingresos e sen perspectivas de futuro. Criticou as declaracións por parte da Consellería e denuncia que “coa situación do marisqueo que hai en Galiza como vai haber relevo xeracional”. Insua preguntou directamente se as mariscadoras van ter algún ingreso do ISM neste Nadal. 

Durante a súa intervención na comisión, o deputado nacionalista formulou diversas preguntas sobre: a elaboración dun plan de viabilidade para o marisqueo en Camariñas, a falta de axudas ás que poidan acollerse as mariscadoras pola imposibilidade de cumprir os requisitos de actividade ou a situación dos traballos encargados a SEAGA e a ausencia de información ao sector. “Non pode ser que xoguen así co pan dunhas familias que só piden traballar”, afirmou.

Porén, e malia o carácter urxente e crítico da problemática, a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, non respondeu ningunha das cuestións expostas, nin achegou datos, explicacións ou compromisos, limitándose —segundo Insua— a intervencións “baleiras de contido” e “sen unha soa resposta concreta”.

Ante esta situación, e a falta total de claridade por parte da representante do Goberno galego, Óscar Insua renunciou a empregar o seu tempo de réplica, denunciando que “non hai nada que replicar cando a Xunta non ofrece nin unha soa resposta ao drama que vive Camariñas”.

O deputado do BNG denunciou tamén que a Consellería continúa a ocultar estudos e información que deberían ser públicos, impedindo que as mariscadoras coñezan as causas da alta mortalidade do recurso.

Insua exixiu ao Goberno galego medidas urxentes, un plan de actuación real e a publicación inmediata dos informes técnicos, advertindo que o marisqueo en Camariñas “está ao bordo da desaparición se a Xunta segue mirando para outro lado”.