Parlamento Galego

BNG critica a falta de información a veterinarios, gandeiros e operadores comerciais sobre dermatose nodular contaxiosa

Ariadna Fernández

Ariadna Fernández afirma a xente actuaría con maior responsabilidade e seguridade se soubese o que ten que facer para controlar a situación

“Levamos tres anos sen que haxa ninguén ao mando que teña un mínimo de idea do que hai que facer en casos como este, a EHE ou a lingua azul”

A deputada do BNG Ariadna Fernández criticou a falta de información sobre a dermatose nodular contaxiosa (DNC), tanto a veterinarios e gandeiros como aos operadores comerciais e denunciou a inacción, lentitude e descoñecemento alarmante da Xunta de Rueda ante a ameza desta enfermidade que xa afecta a varios países da UE, chegando xa a Cataluña, e que está a poñer en serio risco a gandaría en Galiza.

Fernández lembrou que o Goberno galego tardou dous meses en reaccionar aos primeiros casos detectados en Francia e Italia e tres meses no caso do Senado, ignorando o que estaba a ocorrer nos principais países dos que Galiza importa gando, como Francia e Italia, algo especialmente grave tendo en conta que cando supostamente a enfermidade estaba aí “nós continuabamos a traer animais sen coñecer o risco real”, indicou.

Durante a súa intervención na Comisión 7ª, a deputada explicoulle ao director xeral de Gandaría, José Balseiros que, durante meses, recibiu chamadas constantes de gandeiros e veterinarios que non recibiron ningún protocolo nin aviso oficial da Consellería, malia que Medio Rural afirma ter realizado campañas informativas. A realidade, sinalou, é que “o único material informativo dispoñible é un díptico colgado na web”, mentres que as oficinas agrarias foron baleiradas de persoal e non se realizaron contactos directos e efectivos cos titulares das explotacións.

Advertiu a continuación que, se os gandeiros e gandeiras non saben identificar síntomas nin saben cal debe ser o procedemento, non pode existir nin vixilancia pasiva nin detección temperá, elementos fundamentais para conter unha enfermidade deste tipo, responsabilizando á Consellería desa desinformación.

“Se todo o sector gandeiro soubese que traer animais de fóra durante os meses de influenza da enfermidade non era boa idea, non os traían, porque ninguén quere meter iso na casa”, porque, engadiu, “hai que sacrificar todos os animais, co consecuente impacto psicolóxico e económico que supón para os gandeiros e gandeiras”, incidiu.

A parlamentaria destacou que tampouco foron informados os tratantes de gando  e que o 12 de setembro, tres meses despois dos primeiros casos en Francia, continuaban transportando animais sen instrucións oficiais. Foi o propio sector quen solicitou pechar os mercados ante a gravidade da situación mentres a Consellería nin sequera convocara unha reunión de urxencia para adoptar medidas. Finalmente, Medio Rural limitouse a aceptar as recomendacións “sen accións serias e consensuadas coa totalidade do sector por parte de quen ten as competencias en sanidade animal”.

Fernández criticou duramente as declaracións realizadas pola Consellería en relación coa vacinación, nas que se afirmaba que só se podían vacinar animais enfermos, confundindo conceptos básicos como animais positivos ou negativos, vacinas marcadas ou non marcadas, e demostrando un descoñecemento técnico.” Paréceme barbaridade dicir que só se poden vacinar animais enfermos”, manifestou. Para a deputada, isto confirma que o Goberno galego non está a tratar o asunto coa “seriedade necesaria” e que continúa máis pendente doutras actividades que de preparar o País para un risco sanitario grave.

No relativo ás vacinas, lembrou que a Xunta non financiou a vacina da EHE, que tivo que ser pagada polos propios gandeiros, ao tempo que animou ao goberno do Estado a suspender a vacinación obrigatoria da lingua azul malia haber máis de 2600 gromos no Estado, o que derivou na morte da metade das ovellas do país e en importantes perdas no sector vacún.

Mentres tanto, agora, noutro exercicio de “botar balóns fóra”,  pídese ao Estado a fabricación dunha vacina marcada cando a enfermidade está ás portas, “como se se puidese desenvolver e probar dunha semana para outra”, exclamou. A deputada criticou tamén que, malia as declaracións públicas asegurando que a Xunta asumiría calquera custo necesario para defender o sector, na práctica moitas axudas houbo que “mendigalas” e as mortes non se cubriron como correspondía, ao igual que os procesos de vacinación.

A situación complícase polo feito de que as aseguradoras xa advertiron ás explotacións de que non cubrirán as perdas derivadas da dermatose, o que engade máis incerteza a un sector xa moi castigado sanitariamente nos últimos anos.

Ante esta realidade, o BNG rexistrara para formular na Comisión 7ª catro preguntas  ao Goberno galego para coñecer como pretende actuar: se levará a cabo a vacinación, de ser necesaria, de xeito gratuíto, se aplicará medidas adicionais de control e prevención fronte á entrada da DNC, se actualizará o sistema de indemnizacións aos prezos reais de mercado e que tipo de información se trasladou e se está a trasladar a gandeiros, transportistas e operadores de gando.

“Chamoume alarmista coa EHE, lingua azul e a gripe aviar, e agora coa dermatose. O dirección xeral é meramente casual”, rematou.