Parlamento Galego

BNG critica a falta absoluta de diálogo do PP, que pasou o rodete e non aceptou nin unha soa das 575 propostas do Bloque

Noa Presas

Noa Presas: “O PP confunde a maioría absoluta con ter a razón en todo e prefire seguir coa súa folla de ruta de baleirado do servizos públicos”

Empraza a Rueda a rectificar no vindeiro Pleno e a aceptar algunha das propostas, pirorizando o benestar da xente diante dos intereses partidistas

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, vén de criticar a falta absoluta de diálogo do PP no debate orzamentario ao non aceptar nin unha soa das 575 emendas que presentou o Bloque como alternativa ao estado de gastos e ao articulado das contas presentadas para 2026.

“Lamentamos a falta absoluta de diálogo do Partido Popular, que confunde maioría absoluta con ter a razón en todas as materias, e que pasou un ano máis o rodete polas máis de 570 propostas que presentou o BNG”, critica. Propostas tan importantes para o futuro dos galegos e das galegas como contratar máis profesionais de psicoloxía, exemplificou.

Afea ademais que o PP bote abaixo medidas destinadas a dignificar o Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) ao rexeitar a emenda para incrementar en 15 millóns de euros a partida que a Xunta destina aos concellos. A proposta nacionalista pasa por aumentar de 12 a 17 euros a hora, de maneira retroactiva desde xaneiro de 2025, co obxectivo último de acadar os 20 euros/hora en 2027. Unha medida moi necesaria, máis aínda cando “vemos que está habendo problemas e que todos os concellos, incluso os propios do PP, reclaman máis e mellor financiamento”, engade.

A portavoz de Facenda do BNG recrimina ademais que tanto en materia de vivenda como en tantas outras, o PP dixese directamente que non, cando había marxe para transaccionar e chegar a acordos “polo ben deste País”. Malia todo —agrega— o PP “prefire seguir coa súa folla de ruta absolutista e de baleirado dos servizos públicos”, privatizando elementos esenciais como os centros de crise 24 horas de atención ás vítimas de violencia sexual, os futuros Centros de Información á Muller (CIM) móbiles, a sanidade ou os coidados ás persoas dependentes. “Propostas que, desde logo, o BNG non comparte”, recalca.

Noa Presas insiste en que “aínda hai marxe” antes do vindeiro Pleno do día 16 e 17 de decembro” e por iso empraza o PP a que “rectifique”, que acepte algunha das propostas do BNG e que poña por diante o benestar dos galegos e as galegas fronte os seus intereses partidistas.