BNG critica o “desleixo” da Dirección de Patrimonio Cultural coas embarcacións tradicionais e barcos históricos galegos sobre as que nin sequera elaborou un censo

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas reclamou  medidas fiscais para ano 2023 coa  bonificación das taxas portuarias e un compromiso da Dirección de Patrimonio sobre unha “cultura marítima que reside no ADN do pobo galego”

A portavoz de cultura do BNG, Mercedes Queixas criticou o “desleixo” da Dirección de Patrimonio Cultural coas embarcacións tradicionais e barcos históricos sobre os que nin tan sequera existe un “censo”.

A proposición non de lei para elaborar o  censo e lograr medidas fiscais para o ano 2023 coa bonificación das taxas portuarias, foi rexeitada polo grupo do Partido popular.

Na súa intervención, Mercedes Queixas definiu a carpintería de ribeira como figura  no  Decreto do 2019 para a súa declaración BIC, “as embarcacións son a extensión das persoas na auga. Ademais da súa ferramenta de traballo, a embarcación é a imaxe e o símbolo da súa vida e da súa comunidade”.

A nacionalista recalcou que a  “cultura marítima reside no ADN do pobo galego, está presente na cultura material e inmaterial, desde a literatura oral e a música e canción tradicional e parte desta riqueza cultural marítima que reside na diversidade das embarcacións tradicionais  conservada grazas ao esforzo de particulares e colectivos, propietarios das embarcacións, e ás técnicas de mantemento e conservación propias do saber dos mestres carpinteiros de ribeira, que as fan accesíbeis á sociedade nas mariñas que podemos ver nos  portos galegos de: Bouzas,  Muros, Combarro,  Portonovo, IIla de Arousa, O Grove, Sada...

CULTURMAR, máis de 20 anos coidando a cultura marítima e fluvial

Neste sentido, destacou  o labor aglutinador e cohesionador,  que desde hai máis de 20 anos desenvolve a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), con 43 entidades.

O traballo activo de Culturmal, xunto coa Asociación galega de carpintaría de Ribeira (AGALCARI), explicou a deputada, xera un valor engadido  á nosa tradición cultural marítima, garantindo a súa vitalidade e vixencia.

“A súa actividade asume un papel fundamental no reforzo da identidade local, da historia propia e común convivencial cos espazos marítimos, na promoción de recursos económicos alternativos desde o desenvolvemento sustentábel que fagan viábel a súa continuidade”.

Un censo pendente tras dous anos da declaración BIC

Por outra parte, indicou que a  función do censo é “documentar e difundir os valores culturais das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira … e para protexer a súa salvagarda serán obxecto das exencións e bonificacións previstas na lexislación vixente en materia de navegación marítima e portos dependentes da comunidade autónoma”.

A publicación no DOG do Decreto 52/2019, recalcou Queixas, daba a entender que a creación do tan necesario censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galiza estaba a chegar, pero  “2 anos despois da declaración BIC, este aínda segue pendente”.

Esta situación obriga a  particulares e colectivos a blindar pola súa conta o mantemento e protección das embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galiza, unha situación que mesmo pode chegar a ser inviábel ao non poder asumir os custes dos amarres regulados desde Portos de Galiza.

O pago continuado de taxas de amarre sen bonificar pon en risco a pervivencia dos colectivos que están a protexer e manter este legado cultural inmaterial e parte da flota  se está a estragar por non poder estar amarrada en boas condicións de mantemento e seguridade; hai portos onde están ameazados de desaloxo, como en  Portonovo ou por verse obrigados a pagar con carácter retroactivo taxas dun período en que non gozaron de uso por demoras administrativas na tramitación da prórroga de usos.

“Non entendemos por que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non ten aínda elaborado este censo, máxime cando Cultura xa ten elaborado un censo que entendemos que serviría de base para comezar e axilizar a xestión ante Portos de Galiza”.

A deputada preguntou se esta flota tradicional molesta a Portos de Galiza e por que  a  Dirección de Patrimonio cultural non elaborar un censo, tan necesario  para solicitar a exención das taxas porque na propia comisión de orzamentos a conselleira recoñeceu que Portos de Galiza non pode tomar ningunha medida sen o censo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG