O BNG critica a decisión do goberno do PP de retirar a presenza de Galiza das principais feiras do libro do mundo

Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México)

Galiza non estará presente en Bologna, Frankfurt, Guadalajara (México) e Barcelona por ter cancelado a Consellería de Cultura e Educación a contratación de actos coa Asociación Galega de Editores

A deputada do BNG, Olalla Rodil pide explicación ao goberno galego ante a renuncia da Consellaría de Cultura e Educación a participar nas feiras internacionais de Bologna, Frankfurt, Guadalajara (México) e Barcelona pola súa negativa  a consensuar cos axentes do sector do libro galego   os criterios  que rexen  a  presenza galega nas mesmas.

Para a parlamentaria nacionalista, a renuncia da Consellería que dirixe Román Rodríguez é unha nova mostra  “de sectarismo e intransixencia” co que actúa o Partido Popular desde a Xunta de Galiza así como  “o eneísimo desleixo do Partido Popular á cultura e á lingua galegas”.

Rodil rexistrou diversas iniciativas nas que pide  explicacións ao Goberno  e pídelle que abandone a “soberbia” e sentarse a dialogar coa Asociación Galega de Editores (AGE), e axentes do sector do libro galego.

Para a deputada, o Partido popular segue a súa estratexia contra a cultura galega  e a suspensión  do expediente de contratación de actos e organización das feiras internacionais do libro evidencian o rumbo marcado polo PP para impedir a presenza de Galiza en espazos internacionais.

O Partido Popular, explica Rodil,  derrogou de facto a Lei do libro e da lectura que vén incumprindo desde o ano 2009. Unha lei que fixa, entre outras cuestións, “ a obriga do Goberno de fomentar e apoiar a participación das empresas galegas do sector do libro nas feiras e exposicións internacionais” e  que permiten  abrir novos mercados á literatura galega así como proxectar a lingua e cultura do país máis alá das nosas fronteiras.

Rodil denuncia que  o Partido Popular recortou desde 2009  máis do 50% os fondos destinados á Cultura e o 65% dos orzamentos dirixidos á Normalización Lingüística. Nos Orzamentos para 2018 recortaron 200 mil euros dos fondos dirixidos á corporacións locais para a adquisición de novidades editoriais e dos 240 mil euros dirixidos a actividades de animación á lectura en 2017, “apenas fican 96 mil para 2018”.

Este desleixo cara á cultura do país en xeral e cara ao sector do libro en particular, recalca  a deputada do BNG, supón a “caída en picado” da produción e facturación editoriais nos últimos anos e  de maneira aínda máis notábel no caso do libro en lingua galega mentres as producións editoriais en catalán e euskera aumentaron.

A cultura e a lingua galegas non merecen un goberno que lle dá as costas  e  impide o seu recoñecemento fora das nosas fronteiras, a súa   proxección, fomento  e divulgación.

A parlamentaria do BNG interpelará ao conselleiro de cultura e defenderá unha proposición non de lei para consensuar cos  distintos axentes  os criterios que rexerán a presenza de Galiza nas Feiras internacionais do libro e a xestión das actividades e stands que como país ocupe nas mesmas.