BNG critica a decisión do COI e exixe ao Goberno unha resposta firme e accións para anular unha norma “regresiva e discriminatoria”
Carme da Silva advirte que a decisión vulnera dereitos LGBT e rompe co principio de igualdade no deporte: “non podemos permitir normas totalmente excluíntes”
A senadora nacionalista demanda ao Goberno liderar unha ofensiva internacional na defensa da inclusión e dos dereitos das persoas trans no deporte olímpico
A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia a decisión adoptada polo Comité Olímpico Internacional (COI) de excluír as mulleres trans da categoría feminina no deporte olímpico a partir de Los Ángeles 2028. A organización nacionalista reclama ao Goberno unha resposta firme e actuacións que permitan anular a decisión e dar marcha atrás a unha norma “regresiva e discriminatoria”.
A formación nacionalista considera que esta nova normativa supón “un grave retroceso en dereitos e unha vulneración flagrante dos principios de igualdade e non discriminación”, ao tempo que denuncia o seu carácter “regresivo, reaccionario e alleo ao espírito inclusivo do deporte”.
A senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que “non podemos aceptar que baixo unha suposta cobertura científica se impoñan medidas que exclúen e sinalan a persoas polo feito de seren quen son”. Ao seu xuízo, “esta decisión do COI sitúase na liña de discursos políticos profundamente regresivos que cuestionan dereitos xa conquistados polo colectivo LGBT”.
Da Silva fai fincapé en que o Goberno do Estado debe actuar con contundencia e liderar unha resposta institucional firme: “Non abonda con expresar preocupación. É necesario que o Goberno exixa ao COI a rectificación desta normativa e que defenda activamente os dereitos das mulleres trans en todos os foros internacionais”.
O BNG demanda así que o executivo español “manifeste un rexeitamento claro á decisión do COI, que non avale a exclusión das mulleres trans da categoría que corresponde coa súa identidade e que emprenda accións diplomáticas e políticas para lograr a súa anulación”. Así mesmo, reclama a adopción de medidas concretas que garantan a protección dos dereitos das persoas trans no ámbito deportivo.
A senadora nacionalista pon o foco tamén nas consecuencias sociais desta decisión, especialmente entre a xente máis nova: “Estamos a lanzar unha mensaxe perigosísima ás crianzas e á mocidade. Estamos dicíndolles que, por seren quen son, non poderán aspirar a cumprir os seus soños no deporte” alerta Carme da Silva.
“Non podemos permitir que ningunha nena ou moza vexa truncadas as súas aspiracións por mor de normas excluíntes e discriminatorias. O deporte debe ser un espazo de integración, respecto e igualdade, non un ámbito de exclusión” engade Carme da Silva.
Finalmente, o BNG advirte de que esta decisión “supón un paso atrás de décadas na loita polos dereitos das persoas LGTBI” e insiste en que é responsabilidade das institucións públicas “defender unha sociedade máis xusta, diversa e inclusiva tamén no ámbito deportivo”.