Parlamento Galego

BNG critica a chantaxe da Xunta aos concellos cun acordo do SAF que aínda queda “moi lonxe” de financiar o seu custo real

Olalla Rodil
Rodil esíxelle a Rueda que pague 20 € a hora e que inicie de inmediato accións legais oportunas para que o Goberno central asuma a súa parte

A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, cualificou de “chantaxe” aos concellos galegos o acordo para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) asinado este xoves polos presidentes da Xunta,  Alfonso Rueda, e da Fegamp, Alberto Varela. “Lamentamos profundamente a chantaxe que o PP impuxo aos concellos, que van ser os que teñan que seguir sostendo economicamente un servizo que, segundo establece a lei, non teñen que pagar”, denunciar.

Rodil reiterou así o rexeitamento do BNG a un acordo que, criticou, “queda moi lonxe”  de cubrir o custo real dun servizo fundamental para atender as persoas dependentes en Galiza e que asfixia economicamente a moitos concellos do País, que asumen o seu financiamento sen que lles corresponda. Segundo o acordo asinado, lembrou Rodil, a Xunta pagará 18 euros a hora a prestación deste servizo en 2028, cando na actualidade o custo medio é xa de 24 euros.

“Con esta proposta van seguir sendo os concellos os que máis teñan que pagar”, advertiu a deputada nacionalista, que adiantou que o BNG defenderá no vindeiro Pleno a súa proposta para o SAF: incrementar o financiamento progresivamente e con carácter retroactivo desde xaneiro de 2025 até chegar aos 20 euros a hora o próximo ano.

O PP fala moito, actúa pouco

A portavoz de Política Social do BNG no Parlamento lembrou que a Lei da Dependencia establece “con toda claridade” que o SAF ten que ser financiado ao 50 % pola Xunta e polo Goberno central. É por iso que, ademais de reclamarlle incrementar a cantidade de recursos destinados a sufragar o servizo, emprazou a Alfonso Rueda a iniciar “as accións legais que sexan necesarias” para que o Goberno do Estado asuma a parte que lle corresponde, xunto á “débeda histórica” adquirida con Galiza desde a entrada en vigor da Lei da Dependencia.

“Falamos de máis de 2.500 millóns de euros acumulados desde 2006”, precisou Olalla Rodil, para quen “o PP quéixase moito pero actúa pouco cando se fala de defender os intereses de Galiza e das persoas dependentes deste País”, concluíu.