O BNG critica a Ana Pastor polo parón do "suposto AVE" e a súa estratexia de culpar aos demáis

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa dirixida á Ministra de Fomento para preguntarlle “como é posíbel que Fomento aínda non lograse desbloquear a situación xerada coas empresas concesionarias polo parón na execución das obras “do suposto AVE a Galiza” desde hai oito meses.

A deputada do BNG reprocha a Ana Pastor a “súa estratexia de culpar sempre aos demáis e sacar balóns fóra. Non cre que Fomento atopou a excusa perfecta, sempre consistente en culpar aos demáis, para que a paralización da execución das obras do pretendido AVE a Galiza siga en pause e non investir o contemplado nos Orzamentos Xerais do Estado?”.

Lembra Rosana Pérez que xa en decembro do 2014, o BNG dirixíase ao Ministerio debido á práctica paralización na construción das obras de varios tramos do AVE a Galiza. “Advertíamos xa daquela que o tramo máis atrasado é o de Taboadela-Ourense”. “Entón era un segredo a voces o parón das actuacións en varios tramos que van desde Sanabria até A Gudiña. De feito, denunciábamos o despedimento de máis de 150 traballadores”.

Dado o parón de oito meses, dúbidas sobre o prazo de 2018

Mentras, o Ministerio “limitouse ao seu machacón estribillo de que asegurar que se ía cumprir o prazo de 2018, igual que agora”. A deputada do BNG voltou presentar iniciativas en febreiro e no mes de marzo. Por fin, salienta, “coñecemos a verdadeira razón do parón, as diferenzas de criterios coas adxudicatarias pola presentación de modificacións nos proxectos a raiz das excavacións de túneis. Adif alegou que tiña que revisar as novas propostas”.

A parlamentar nacionalista sinala que os meses van pasando “sen que nada se mova, entón é hora de cuestionar os prazos temporais. É evidente que non é sostíbel o prazo de 2018”. A estas alturas, “o Adif continúa a revisar as modificacións das concesionarias”. Rosana Pérez critica á titular de Fomento que “por fin parece que rompeu o seu silenzo sobre este tema, e na súa habitual estratexia de sacar balóns fóra, emprégase a fondo coas concesionarias”.

A Ministra e a súa estratexia de culpar aos demáis

A deputada do BNG advirte que “neste xogo de dimes e diretes, a Ministra exonera de toda responsabilidade ao Ministerio, e chegou a advertir ás empresas que están a provocar retrasos na execución das obras”, para a continuación chegar “ao colmo das contradicións e manifestar a súa confianza en que as diferenzas entre Adif e as constructoras non suporán demoras no remate do AVE”.

Rosana Pérez recrimina a Fomento a “falla de transparencia” e afirma que “a verdade ocúltase por puro interese eleitoral. O Ministerio está atrincherado nunha estratexia verbal agresiva consistente en sinalar co dedo, mentras o tempo pasa, as elecións xerais aproxímanse e a Ministra, como unha cruzada inmersa nunha campaña, adícase a facer propaganda eleitoral”.

A parlamentar do BNG demándalle “a verdade, sen acusacións baldeiras que nada aportan aos cidadáns e que demostran a ineficacia dunha Administración que aínda non resolveu o problema”. Razón pola que formula unha batería de preguntas a Fomento: “Cre de verdade que resulta críbel que unha Administración, dona dos proxectos, sexa incapaz de desbloquear esta situación? Non é posíbel que Fomento deixe de entreternos con campañas e tome cartas no asunto con maior rigor e seriedade?”.

Ademáis, solicita ao Ministerio que detalle o estado exacto dos distintos tramos de construción entre Sanabria e A Gudiña, cais están parados, e pide que explique se se van investir os 891,4 millóns contemplados nos Orzamentos estatais. Pregunta a Fomento se mantén a data de 2018.