Congreso

BNG cre imprescindíbel investigar a corrupción do Partido Popular no caso Kitchen

Néstor Rego salientou que, de verificarse as informacións sobre espionaxe, colocación micrófonos no Congreso, plans de secuestro e chantaxes, confirmarían o Partido Popular como unha organización criminal.

O deputado nacionalista afirmou que é necesaria unha ruptura democrática co  réxime do 78, esa que non se produciu ao final da ditadura, para avanzar en democracia e dereitos -tamén os colectivos dos pobos, como o de autodeterminación- e para facer  limpeza e sacar todo o lixo herdado e acumulada ao longo de 45 anos.

O deputado Néstor Rego apoiou no Congreso creación dunha Comisión de Investigación sobre a trama política, mediática, empresarial e parapolicial creada por dirixentes do Partido Popular e membros do Goberno de Mariano Rajoy co fin de ocultar as probas en relación cos casos de corrupción que estaban a ser investigados.

En relación co coñecido como o caso Kitchen, o deputado do BNG salientou que “cada día coñecemos novas informacións que fan descender máis polas cloacas, as do Estado tamén, as actuacións e a credibilidade do Partido Popular: espionaxe, colocación micrófonos dentro do propio Congreso, plans de secuestro, chantaxes... Actuacións  que contaban coa participación e o beneplácito, nin máis nin menos que, do Presidente  do Goberno, a Vicepresidenta, o Ministro de Interior e a Ministra-Secretaria Xeral do PP,  entre outros e que, de verificarse, confirmarían ao Partido Popular como unha organización criminal” afirmou.

Rego lembrou que son actuacións “feitas por funcionarios e cargos públicos, con recursos públicos para defender intereses espurios, para ocultar a corrupción e para que  integrantes do goberno, incluído o seu Presidente, puidesen eludir a acción da  xustiza”.

Néstor Rego afeou o Partido Popular que a súa estratexia de defensa fose que a ninguén interesa o que fixeron fai nove anos, “aínda que sexa roubar, espiar, chantaxear ou  incluso planear un secuestro” ou que pretendeses escudarse en que tamén o PSOE e  Unidas Podemos son corruptos. “Aquí non serve o ti máis”, salientou.

O deputado nacionalista cualificou ao réxime do 78 como “un pozo sen fondo de corrupción e de podremia e non é reformable, porque a corrupción é estrutural”. Rego afirmou que, por tanto, “é necesaria unha ruptura democrática, esa que desgraciadamente non se produciu ao final da ditadura, para avanzar en democracia e dereitos -tamén os colectivos dos pobos, como o de autodeterminación- e para facer  limpeza e sacar todo o lixo herdado e acumulada ao longo de 45 anos”.

Rego destacou que esa ruptura é necesaria tamén nun poder xudicial con “unha  xustiza tan áxil á hora de perseguir dereitos democráticos, urnas e soberanistas e absolutamente cega e muda fronte á corrupción, especialmente á institucional. Porque cunha xustiza realmente xusta, coa súa Lei de Partidos, o PP estaría hoxe ilegalizado”.

O portavoz nacionalista, aínda que se mostrou escéptico sobre a capacidade dunha  Comisión de Investigación de sacar á luz toda a verdade sobre estas prácticas corruptas e depreciábeis, ve necesario e inescusábel tentalo. “Unha oportunidade que non se pode desaproveitar para desterrar dunha vez por todas a corrupción, a política  depreciábel, a utilización partidista das institucións, para poñer ao descuberto as cloacas do Estado” afirmou Néstor Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG