Parlamento Galego

BNG considera un novo insulto a Ourense a demora de dous anos anunciada pola Xunta para a demolición do Materno

Noa Presas

Noa Presas: “Ourense ten dereito a unhas infraestruturas dignas, propias do século XXI, e non a esta chapuza continua de incumprimentos do PP”

A deputada do BNG por Ourense considera un “novo insulto a Ourense e á súa cidadanía” o novo retraso confirmado hoxe no Parlamento pola Xunta nos prazos para executar a demolición do hospital Materno Infantil que, segundo anuncio feito polo director xeral do Sergas, non vai estar até o segundo semestre do ano 2027.

“Estamos falando de dous anos de demora para unha infraestrutura fundamental”, denunciou Presas, que acusou o PP de saber, e ocultar, desde hai anos que era necesaria a demolición dun edificio que “literalmente se cae a cachos”. “É un insulto á cidadanía de Ourense e á sanidade pública do País”, reiterou tras a súa intervención na comisión de Economía do Parlamento, na que reclamou “claridade” nos prazos e que, dunha vez, a Xunta fixe as partidas orzamentarias para levar a cabo a demolición dun edificio “que xa tiña que estar derrubado”.

A deputada nacionalista reivindicou o dereito da veciñanza de Ourense a ter “unhas infraestruturas dignas, propias do século XXI, e non esta chapuza permanente de incumprimentos na que nos ten instalados o Partido Popular”.  É por iso que na comisión celebrada hoxe, reclamou tamén ao Executivo galego a realización dunha auditoría do plan director do complexo hospitalario ourensán, “porque os incumprimentos son unha manchea”, agregou, aludindo de maneira expresa ao edificio de hospitalización de doce prazas, que tras meses de obras paralizadas, aínda non está rematado, malia que a prazo de finalización estaba fixado para o primeiro trimestre deste ano.

Tras a resposta escoitada hoxe en comisión, Presas anunciou que o BNG demandará que se faga unha “planificación máis rápida” para que Ourense poida ter “infraestruturas de primeira e non teña que vivir instalada no atraso constante de belas promesas que nos deixan un CHUO convertido en Frankenstein e sen os servizos adecuados”.