BNG considera indigno e inhumano que o Goberno de Rueda reciba na Xunta a un portavoz do estado xenocida de Israel
Olalla Rodil: “É indecente que o PP poña a Xunta e o Parlamento ao servizo dos intereses do Estado sionista e terrorista de Israel”
O Bloque vai presentar unha queixa formal pola recepción no Pazo do Hórreo ao encargado de negocios da Embaixada de Israel en España
A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, cualificou de “indecente e inhumano” que o PP utilice as institucións do País, que son de todos os galegos e as galegas, para recibir a un representante do estado xenocida de Israel.
“É absolutamente indecente e inhumano que no medio do xenocidio que está a cometer o Estado de Israel contra o pobo palestino, coas imaxes que recibimos cada día da limpeza étnica que se está a cometer na Franxa de Gaza, o Partido Popular poña as institucións do pobo galego, o goberno e o Parlamento de Galiza ao servicio dos intereses do Estado sionista e terrorista de Israel”, asegurou.
Rodil amosou así o “rexeitamento máis absoluto do BNG” á reunión que o Goberno de Rueda mantivo esta mañá na Xunta con Dan Poraz, encargado de negocios da Embaixada de Israel en España, representante do estado sionista que tamén foi recibido no Parlamento de Galiza pola vicepresidenta primeira do Parlamento, a popular Elena Candia.
Rodil anunciou que o BNG vai presentar unha queixa formal na Cámara galega e pedir explicacións “tanto ao Goberno galego como especialmente ao Parlamento”, lembrando que a reunión de Candia co representante israelí tivo lugar na sede do Hórreo, “na que reside a soberanía do pobo galega”, sen ter ademais informado o resto de grupos parlamentarios, que non eran coñecedores desta visita.