BNG considera a “demoledora” resolución do TSXG sobre Pena do Pico un novo pau xudicial á política eólica do PP
Bará asegura que, malia a “manobras” na sección 3ª, o auto “reforza a idea de complicidade econivencia do Goberno de Rueda e as grandes eléctricas”
Subliña que o tribunal fai prevalecer o interese público da protección do medio ambiente sobre o interese sectorial e o privado da empresa promotora
O viceportavoz e responsable de Medio Ambiente do BNG no Parlamento, Luís Bará, considera que o auto da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que suspende de xeito cautelar o proxecto eólico de Pena do Pico supón “un novo pao xudicial” á política eólica da Xunta do PP e reforza a idea de “complicidade e conivencia” do Goberno de Rueda coas grandes empresas eléctricas.
“Fronte ás pretensións da Xunta e Greenalia, que utilizan argumentos idénticos para defender a legalidade da tramitación, temos un auto demoledor que lle da a razón a asociación ecoloxista Adega”, asegura Bará, que ademais destaca que a resolución sobre este proxecto promovido nos concellos de Baralla e Becerreá, na zona dos Ancares de Lugo, chega pese “ás presións e manobras” para cambiar a composición da Sección Terceira. É, de feito, a primeira paralización en Galiza de un parque eólico por risco ambiental logo dos cambios forzosos na Sección 3ª.
O deputado nacionalista subliña así mesmo que, fronte aos argumentos “idénticos” de Xunta e Greenalia, o auto do TSXG fundaméntase na importancia de garantir a protección ambiental de hábitats e especies recollidas na propia planificación da Xunta e nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, e cuestiona os criterios seguidos na Declaración de Impacto Ambiental para informar favorablemente sobre o proxecto.
“O auto cualifica as medidas correctoras previstas na DIA como medidas post-mortem e di, literalmente, que están deseñadas para operar cando o dano xa se produciu”, explica.
Segundo destaca Bará, o auto é “claro e contundente” e “desmonta” os argumentos de Xunta e Greenalia sobre o grave impacto e prexuízo económico que a suspensión cautelar da resolución ocasionaría á empresa promotora, que xa tería realizado investimentos para proxectar e tramitar as instalacións eólicas.
“De novo vemos á Xunta do PP abrazada ás eléctricas”, indica o portavoz nacionalista de Medio Ambiente, lembrando que o auto fai prevalecer o interese público da protección do medio ambiente sobre o interese sectorial e o privado da empresa.
É por iso que o BNG trasladou os parabéns a Adega, que presentou o recurso, pola súa defensa do interese xeral e da protección ambiental da zona de Pena do Pico “fronte aos intereses economicistas das empresas amigas do PP”.