BNG consegue recoñecer os dereitos lingüísticos da infancia e a mocidade nos espazos dixitais

Néstor Rego

Néstor Rego destaca o avance que supón garantir a presenza e normalización do galego e o resto de linguas oficiais do Estado no ámbito dixital

O deputado do BNG salienta que é un paso relevante para adaptar a protección dos dereitos lingüísticos á realidade tecnolóxica actual

O Bloque Nacionalista Galego logrou incorporar ao Proxecto de Lei Orgánica para a protección das persoas menores de idade nos espazos dixitais o recoñecemento expreso dos dereitos lingüísticos da infancia e a mocidade no mundo dixital. A proposta do BNG, que será incorporada na ponencia do Proxecto de Lei, garante o uso e o acceso a contidos en galego, así como no resto de linguas oficiais do Estado español.

Baixo o título "Dereitos lingüísticos das persoas menores de idade en relación cos espazos dixitais” o BNG consegue introducir un novo artigo no Proxecto de Lei para recoñecer este dereito da infancia e a mocidade. Estabelece que “para garantir os dereitos para expresarse e acceder aos contidos na lingua da súa elección en igualdade, os distintos poderes públicos, cada un dentro do seu ámbito de actuación e competencias, fomentarán a normalización e presenza das distintas linguas oficiais do Estado español nas contornas dixitais”.

Ademais, o artigo reza que “no ámbito das competencias dixitais, as autoridades competentes fomentarán o coñecemento sobre seguridade dixital nas linguas oficiais de cada Comunidade Autónoma. Así mesmo, o deseño e realización de programas de sensibilización atenderán á pluralidade lingüística do Estado”.

Após chegar a un acordo para introducir este novo artigo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, valora moi positivamente a incorporación desta iniciativa ao proxecto lexislativo, subliñando que supón "un importante avance no recoñecemento efectivo dos dereitos lingüísticos da infancia e da mocidade nun ámbito tan determinante hoxe como son os espazos dixitais".

Rego destaca que "a transformación dixital non pode facerse de costas á diversidade lingüística do Estado nin contribuír á marxinalización das linguas propias". Neste sentido, sinala que a emenda impulsada polo BNG permitirá reforzar a presenza do galego e do resto das linguas oficiais nos espazos dixitais, garantindo que as persoas menores de idade poidan exercer os seus dereitos lingüísticos en condicións de igualdade.

O deputado nacionalista incide en que a protección da infancia no ámbito dixital debe contemplar tamén a dimensión lingüística, asegurando o acceso á información, aos contidos e á formación en materia de seguridade dixital nas linguas oficiais de cada Comunidade Autónoma.

"O galego debe estar presente en todos os ámbitos da vida, tamén nos novos espazos dixitais onde se desenvolven as xeracións máis novas. Este recoñecemento legal contribúe a avanzar cara a unha verdadeira igualdade lingüística e a garantir que a nosa lingua teña futuro tamén na era dixital" finda Néstor Rego, quen explica que o proxecto aínda debe ser mellorado e avanza que o BNG continúa a traballar neste sentido.