BNG consegue que o PP recoñeza o fracaso absoluto do banco de explotacións da Xunta un ano despois da súa posta en marcha
A deputada do BNG, Ariadna Fernández, evidenciou o fracaso do Banco de Explotacións da Xunta, que un ano despois do seu arranque só ten, a día de hoxe, 15 granxas inscritas, mentres o sector pecha mais de 300 ao ano. Unha evidencia que recoñeceu tamén o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, “Nin funcionou nin cumpriu as expectativas”, afirmou.
Denuncia que a medida estrela do goberno galego para salvar explotacións gandeiras é un instrumento infrautilizado, xa que se prevía transferir 140 explotacións e dous millóns de euros orzamentados, chegou a transferir menos de dez.
Fernández preguntoulle precisamente ao titular da Xunta polos resultados obtidos neste banco de explotacións, polo número traspasado ata agora, e a cantidade de granxas de leite e de carne que estiveron inscritas neste banco.
Tras non contestar na súa primeira quenda de intervención, polo incómodo dos resultados, Ariadna emprazouno a facelo na segunda, preguntándolle ademais se a Xunta estaba satisfeita cos datos acadados co banco de explotacións, ao que o director xeral contestou recoñecendo que “nin funcionou nin cumpriu as expectativas”.
O Banco de Explotacións Agrarias de Galicia, posto en marcha pola Xunta en febreiro de 2025, cun orzamento de 2,1 millóns de euros, acumula un ano de funcionamento con resultados que o BNG cualifica de fracaso absoluto. O rexistro, concibido para facilitar o traspaso de granxas entre titulares mediante venda, permuta ou alugueiro, conta na actualidade con apenas 15 explotacións inscritas en todo o País. “E evidente que non se esta a poñer interese en que esta medida funcione", apuntou Fernández, mentres o director xeral, na súa segunda quenda de respostas, responsabilizou os gandeiros e gandeiras do pouco éxito da medida.
Fernández lembrou ademais que o problema do relevo xeracional non afecta só ao vacún de leite, senón a todas as producións animais: porcino, ovino, vacún, avicultura, apicultura enfrontan a mesma falta de incorporacións. "Todas as producións animais teñen unha falla de relevo preocupante. Que se vai facer con isto?", preguntou a deputada, que reclamou ao goberno galego que tome medidas reais e non se limite a medidas que quedan no papel.