BNG consegue a exención das cotas á Seguranza Social para as mariscadoras afectadas pola crise marisqueira
A medida, impulsada polo BNG e acordada co Goberno para a súa aprobación, permitirá manter de alta ás persoas traballadoras até que poidan retomar a actividade
Néstor Rego: “O BNG seguirá traballado para defender os intereses da Galiza e dun sector tan importante como o marisqueiro no noso País”
O Bloque Nacionalista Galego anuncia un principio de acordo co Goberno do Estado para aprobar a exención do pagamento das cotas á Seguranza Social para as mariscadoras e mariscadores afectados pola grave crise que atravesa o marisqueo galego, especialmente após os temporais e as choivas torrenciais do pasado inverno. O Goberno comprometeuse co BNG a incluír a medida no primeiro vehículo legal a tramitar, previsibelmente un Real Decreto Lei.
A iniciativa, defendida polo BNG pola situación do sector, agravada despois dos temporais, responde a unha das principais reivindicacións do sector e permitirá que as persoas traballadoras do marisqueo, tanto a pé como a flote, continúen dadas de alta no Réxime Especial do Mar, conservando todos os seus dereitos laborais e de cotización, máis sen ter que asumir o pagamento das cotas mentres estean en situacións excepcionais que, como a descrita, impidan retomar a súa actividade económica.
O deputado do BNG no Congreso destaca que esta medida implica "un alivio inmediato para centos de familias que levan meses soportando unha situación insostíbel sen ingresos procedentes do marisqueo e, malia iso, obrigadas a seguir pagando cada mes á Seguranza Social".
Os temporais e as intensas choivas rexistradas durante o inverno provocaron unha mortaldade masiva dos bancos marisqueiros nas rías galegas. Segundo as estimacións do propio sector, perdeuse arredor de 90 % da campaña do berberecho, 95 % da ameixa babosa e até 60 % da ameixa xapónica, nunha crise que as confrarías cualifican como “a peor das últimas décadas” e cuxas consecuencias poden prolongarse durante os próximos dous anos.
“Mentres a produción permanece practicamente paralizada, as mariscadoras e mariscadores continúan desenvolvendo tarefas imprescindíbeis para a recuperación dos bancos marisqueiros, como a retirada de marisco morto, as limpezas ou as sementeiras, traballos fundamentais que non están a xerar ingresos” explica Néstor Rego.
Após semanas de negociacións co Goberno, o acordo conseguido polo BNG estabelece que as persoas traballadoras por conta propia incluídas no Réxime Especial da Seguranza Social dos Traballadores do Mar dedicadas ao marisqueo quedarán excepcionalmente exentas do pagamento das cotas mentres non poidan recuperar a súa actividade económica como sucede na actualidade como consecuencia dos efectos climatolóxicos que provocaron a mortaldade dos bivalvos e doutros recursos marisqueiros nas Rías Galegas.
Por último, Néstor Rego valora moi positivamente o acordo acadado polo BNG e sinala que "o BNG seguirá a traballar para defender os intereses da Galiza e dun sector tan importante como o marisqueiro no noso País”.