BNG consegue un acordo para protexer o patrimonio e garantir a actividade da “A Casa de Galicia” de Montevideo

Daniel Castro
Daniel Castro
O acordo inclúe accións para evitar a liquidación do centro, salvagardar obras artísticas como a escultura “A Santiña” de Asorey e a biblioteca con obras recollidas dende a creación da “Casa de Galicia” en 1917
BNG consegue un acordo para protexer o patrimonio e garantir a actividade da “A Casa de Galicia” de Montevideo

O deputado do BNG, Daniel Castro defendeu unha proposición non de lei ante a difícil situación económica da “Casa de Galicia” en Montevideo, ameazada por concurso de acredores. A iniciativa do BNG “aprobada por unanimidade” inclúe as acción que debe emprender o Goberno galego para “salvagardar o patrimonio cultural” conformado por unha grande variedade de obras artísticas como a escultura “A Santiña” de Asorey e a biblioteca con exemplares recollidos dende a creación do centro no ano 1917.

A través do acordo unánime acadado hoxe no Parlamento galego, a Xunta iniciará accións para que os bens da  Casa de Galicia permanezan no ámbito da galeguidade de Uruguai axudando aos seus socios á adquisición do centro, ou ben, a través da propia Administración no caso de non ser posible outra solución.  

Na súa intervención, o nacionalista destacou o traballo realizado polo portavoz de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda  e criticou a parálise  da Secretaria Xeral de Emigración que se limitou, dixo, a “agardar até o último momento”.

Para o BNG, engadiu o deputado, foi sorprendente a confirmación do Goberno da República Oriental do Uruguai “da negativa do Goberno galego a axudar nesta difícil situación, malia que llo pediron”.

A preocupación pola situación da histórica sociedade fundada en 1917 explicou o deputado, vai tamén noutras direccións como o desmantelamento do patrimonio, a situación socio-sanitaria das socias e socios galegos co cese ambulatorio e o traslado e derivación de pacientes a outras entidades integradas no Sistema Nacional de Saúde de Uruguai, ao que sumou a situación das traballadoras e traballadores e a súa redistribución a respecto da  antigüidade e salario, así como a garantía da cobertura e calidade asistencial das persoas usuarias, moitas delas maiores e  en situación precaria.

 

O pasado 5 de abril, debido á necesidade urxente de constituír unha nova asociación para  salvagardar o patrimonio, constituíuse en Montevideo o centro "Casa de Galicia- Centro Histórico-Cultural", dende o BNG solicitamos o  recoñecemento da galeguidade por parte do Goberno galego, como herdeira da antiga sociedade "Casa de Galicia" e como onte mesmo, trasladou a nova directiva ao Delegado da Xunta para Arxentina e Uruguai.

O deputado do BNG, tras amosar a súa  a súa satisfacción polo apoio unánime  á iniciativa nacionalista, avanzou que o BNG fará seguimento do cumprimento do acordo. “Temos unha débeda co legado dos emigrantes galegos no exterior que representa parte do patrimonio cultural e inmaterial de Galiza”.

Acordo:

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia, que tamén se dirixa o Goberno de España para:
 
1.- Reiterar a solicitude ás Autoridades competentes de Uruguai para que se tomen todas as medidas necesarias para garantir a protección sanitaria dos socios de Casa de Galicia, así como todas aquelas que, axustadas a dereito, garantan a protección e a integridade do patrimonio cultural, artístico e histórico de Casa de Galicia, para que permanezan no ámbito da Galeguidade no propio país, axudando aos socios na súa adquisición ou facendo directamente a administración de non ser posible outra solución.
 
2.- Continuar coas medidas que correspondan dentro das súas competencias, Estado e Xunta de Galicia, para asegurar a protección socio-sanitaria dos emigrantes galegos.

 

 

BNG consegue un acordo para protexer o patrimonio e garantir a actividade da “A Casa de Galicia” de Montevideo