BNG condena enerxicamente a agresión militar imperialista sobre Venezuela e a vulneración do dereito internacional
Ao inicio da mobilización que tivo lugar esta mañá en Compostela baixo o lema “Alto á agresión ianque contra Venezuela. Pola paz e a soberanía dos pobos”, a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, subliñou o rotundo rexeitamento do Bloque á agresión militar imperialista sobre Venezuela levada a cabo por parte da Administración Trump, e a vulneración do dereito internacional.
“Quero transmitir o noso apoio solidario ao Pobo de Venezuela, a condena enérxica que xa fixo o BNG no seu momento da agresión militar ilegal e ilexítima e sobre todo unha chamada ao multerateralismo e sobre todo unha chamada a recuperar as normas do dereito internacional que acaban de ser vulneradas”, manifestou Miranda en nome da Executiva Nacional do Bloque.
Ana Miranda alertou de que unha agresión como a acontecida sobre Venezuela “pode producirse en calquera lugar do mundo”. “Ninguén está seguro no mundo con Trump, está actuando como un matón, rompendo as normas multilaterais das Nacións Unidas e fundamentalmente cuestionando o dereito internacional nun momento no que ninguén é alleo ao que poida pasar”.
“Condenamos enerxicamente esta agresión imperialista”, reitera a eurodeputada do BNG, así como o secuestro do presidente “dun estado soberano”. Ana Miranda advirte por outro lado que para esquecer as cuestións internas da política norteamericana -como o caso Epstein e a súa baixada de apoio interno-, vulnera o deito internacional consensuado desde 1948. “Ou optamos pola lei da selva ou optamos polo dereito internacional”, manifesta, ao tempo que lembra que o BNG “somos unha organización pacifista, que defende o multilateralismo, o diálogo e a resolución pacífica dos conflitos”.
Papel vergoñento da UE
Ademais, a eurodeputada do BNG cuestionou o papel da Unión Europea, que ao seu xuízo tivo un “papel absolutamente neglixente, de vergoña, sen condenar publicamente a agresión”. Neste sentido, Ana Miranda critica que a UE mantivese un papel “totalmente dependente de Estado Unidos”, nun momento no que o propio territorio da UE pode ser vulnerado, en referencia a Groenlandia. Precisamente como integrante dunha delegación que visitou Groenlandia en abril, nese momento Miranda xa alertou de que “nun momento de tensión xeopolítica, están en xogo a súa soberanía e os seus recursos naturais”.