O BNG, coas vítimas de Angrois , seguirá traballando para coñecer a verdade e evitar que se repita
Ana Pontón: “É indecente que catro anos despois da traxedia de Angrois a liña non teña o prometido sistema RTMS e que Feijóo o xustifique”
Non renuncia a unha comisión de investigación no Parlamento galego e espera que a UE abra un procedemento de infracción contra o Estado
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG que arroupou ás vítimas da traxedia de Angrois na súa manifestación en Santiago para, catro anos despois do sinistro, seguir reclamando “verdade, xustiza e reparación”.
“É desolador ver a falta de respecto que hai para as vítimas e para con este país, porque estou segura que en ningunha parte do mundo catro anos despois do accidente ese punto seguiría sen ter as medidas de seguridade, o que mostra o desleixo e do desprezo que hai no fondo cara este país e cara as persoas que sufriron a traxedia”, salientou Pontón, quen puxo en valor a loita das vítimas e da plataforma de afectados e afectadas.
“Se chegamos aquí e pola súa forza e pola súa ansia, porque non se amedrentaron a pesar de que estaba loitando contra o Estado”, recalcou a dirixente nacionalista quen transmitiu todo o apoio do BNG “a través dunha forte aperta neste momento de dor colectivo”.
“É indecente que catro anos despois non haxa unha comisión de investigación, que os xulgados sigan tramitando ese xuízo e que nin tan sequera se cumpran uns mínimos, porque é indecente que catro anos despois aínda non estea instalado o sistema de seguridade RTMS e resulta vergoñento que, catro anos despois, o presidente da Xunta busque escusas para xustificar algo que non entenden ninguén”, argumentou.
“No BNG imos seguir traballando para abrir unha ventá pola que entre a verdade, a xustiza e a reparación”, subliñou Pontón, “porque non se pode pechar unha páxina tan tráxica e tan dolorosa sen que haxa unha investigación xudicial e que se depuren as responsabilidades políticas e se analicen as causas técnicas que hai detrás deste accidente”, alegou.
A portavoz nacionalista en Bruxelas, Ana Miranda, amosou a súa confianza en que a Comisión Europea abra un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento da normativa en materia de seguridade ferroviaria.
“Europa sacoulle as cores ao Goberno español por non facer unha investigación independente, e confiamos en que atenda a petición do Bloque de abrir un procedemento de infracción desde a UE contra o Estado porque non existiu o preceptivo control de riscos, temos indicios positivos de que así vai ser. Imos chegar ata o final, non pararemos”, recalcou Miranda na manifestación a que tamén asistiu o deputado Xosé Luís Rivas, o portavoz municipal Rubén Cela e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.